Aarón González, que pasou o coronavirus, volverá o luns ao seu traballo de vendedor da ONCE
13 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A Aarón González Puga o covid-19 foille ao encontro en Madrid. Estivo na cidade na fin de semana na que o coronavirus foi o rei: os días nos que houbo unha chea de encontros e as manifestacións do 8 de marzo. O carballiñés viaxou para participar nunha xuntanza de traballo que se desenvolveu o sábado e o domingo e sospeita que «me debín contaxiar pola tarde-noite, que foi cando saín dar un paseo». De volta na súa vivenda de Ourense comezou a atoparse mal o martes, con febre e con síntomas como se tivese unha gripe. O mércores foron facerlle as probas á casa e o xoves, día 12, sabía que era positivo por coronavirus. «Fixen pleno. Aínda non había nada nin viñera o pelotazo -refírese á declaración do estado de alarma desa fin de semana- e xa o pillara e non ía poder saír da casa».
Paciente concienciado
Aarón González foi un doente responsable. Meteuse na casa dende que chegou da súa xuntanza en Madrid e non volveu pisar a rúa, agás por obrigación -os dous días que debeu facer probas médicas-, ata a primeira fin de semana de xuño. A intendencia foina resolvendo coa axuda da familia -«viñan achegarme a comida, deixábana fóra e avisaban para que a collera»- e as moitas horas de confinamento foinas levando entre o ordenador e as series de televisión. «Mudei bastante os horarios, sobre todo polas noites, e tentaba estar ocupado. Xogaba ao ordenador e vía series na televisión, non miraba nunca as noticias porque pensar niso -no coronavirus e en todo o que estaba pasando- era matador. Prefería non saber como estaba indo a cousa para non caer no alarmismo e pensar o menos posible no que estaba a pasar». Non se queda con ningunha serie en particular, mais recoñece que o pasou ben ollando Prison break e a de Michael Jordan.
Aaron González reparte a semana entre Ourense -onde vive e traballa; o seu posto está xunto á cafetería Paparazzi de Ervedelo- e o seu pobo. No Carballiño reencontrouse cos seus amigos e con Andrea Iglesias, a súa moza, na primeira fin de semana deste mes. Estar con ela e adestrar ao billar, e participar nalgunha competición, ocupan o seu tempo libre. Volve ao traballo con forza: «Estou desexando ver aos clientes e aos amigos».
Cincuenta vendedores
O grupo social ONCE recupera o luns a actividade. En Galicia o colectivo de vendedores está formado por 700 persoas, sendo 50 os vendedores e vendedoras que a ONCE ten na provincia de Ourense.
Dende a organización apúntase que a volta a actividade este día 15 de xuño faise en función da normalidade vixente no proceso de desescalada «aprobada polas autoridades e, moi especialmente, unha vez que se teñen garantido as medidas de seguridade para os vendedores de Galicia e os seus clientes, mediante a debida información e a posta a disposición do material necesario, ao igual que para o resto de traballadores da Organización».
Os últimos sorteos da ONCE antes da declaración do estado de alarma celebráronse os días 12, 13 e 15 de marzo.
Moitas gañas de reencontrarse cos clientes e de recuperar a actividade cotiá
O confinamento e as medidas do estado de alarma leváronos a outras ocupacións e a centrar a súa actividade en atender ás súas familias, recuperar afeccións ou implicarse nas iniciativas do barrio para darlle vida a un novo escenario que nada tiña que ver co coñecido ata o de agora.
Susana Losada estivo coidando á súa sogra e á súa cuñada, ámbalas dúas con dependencia, e levando medicinas e alimentos á súa nai. «Teño o posto de traballo ao pé da miña casa en A Valenzá, e tamén fago unha ruta. Apetece recuperar a vida cotiá e reencontrarse coa xente». Ángeles Rodríguez recoñece que «ao principio parece como se dise algo de medo, pero faise necesario atoparse de novo coa xente para ver que todo está ben e a vida segue».
Paco Vieira vende en A Gudiña, Viana do Bolo e A Mezquita e estivo ocupado estas semanas entre o bingo, os Maios e outras actividades. «Estou desexando volver para atoparme cos amigos».