
Todos os días do outono, época de maior aparición de cogomelos no monte, recibo fotos de coñecidos para a identificación de cogomelos por whatsapp. É o que teñen as novas tecnoloxías e que esteamos diante dun mundo, o dos Fungos, cada vez máis de moda na sociedade do século XXI. Quen me ía dicir a min isto hai trinta anos! Cando case ninguén falaba de cogomelos en Ourense! En todos os casos sempre digo o mesmo aos meus coñecidos do whatsapp: unha única foto nun momento concreto do crecemento do cogomelo non é suficiente en moitas ocasións para a correcta identificación dun exemplar. O recoñecemento botánico é imprescindible para valorar as súas características físicas: pé, sombreiro, lamelas, anel, volva (se é que existen), coñecer o seu hábitat, o cheiro… e moitas veces hai que tocar e ver o cogomelo para saber se é ou non comestible e evitar os ingresos hospitalarios por consumo de cogomelos, que por desgraza se producen cada ano no noso país. Precisamos os cinco sentidos para poñerlle nome e apelido ao cogomelo recollido! Incluso ás veces temos que ir ao microscopio, xa que as características macroscópicas non son suficientes para saír de dúbidas e distinguir unha especie doutra. E outras veces non sabemos que raio é. Moitos exemplares aínda non teñen nin nome científico. Hai centos de cogomelos no monte: bos comestibles, sen valor, tóxicos e mortais.
A maiores hai que pensar que os cogomelos son seres vivos cun crecemento moi rápido en condicións óptimas de temperatura e humidade, polo que unha imaxe, incluso varias no mesmo momento, poden ser enganosas, e en cuestión de horas ter un aspecto completamente diferente. Tamén inflúen o exceso de calor ou de auga, que poden mudar o aspecto físico do cogomelo, ou estar atacados por un insecto ou verme, variando a fisionomía do exemplar e xerar dúbidas nunha única fotografía nun momento concreto.
Ademais, como podo saber se todos os recollidos son iguais aos da fotografía que me envían? Quen me garante que non hai un tóxico no medio dos comestibles que recibo por whatsapp? Agradezo de verdade a confianza que depositan en min todos aqueles que me mandan fotos para saber se son comestibles ou non, pero é o meu deber recomendarlles que fagan cursos de formación, que merquen libros de cogomelos e que teñan precaución. As regras populares de identificación de cogomelos son todas falsas. Só é válido o recoñecemento científico. Tamén dicirlles que a maiores da satisfacción gastronómica, saír a recoller cogomelos é saudable polo paseo, o exercicio, a curiosidade...
Este razoamento das fotos de whatsapp é igualmente válido para as que recibo por redes sociais, tipo facebook, onde cada vez é máis habitual colgar e comentar fotos de cogomelos, ás veces de xeito moi pouco rigoroso. Son unha riqueza que temos que coidar, xa que poden desaparecer con prácticas agresivas. Non todo é comer cogomelos, podemos gozar tamén do estudo e da fotografía deles.
Por último gustaríame recordarlle aos afeccionados aos fungos que sexan respectuosos co medio, con esta riqueza natural que aínda temos en Ourense, que cumpran as normas para non facer recollidas indiscriminadas e que a maiores dos froitos dalgúns fungos gocen do paseo polo monte, da natureza e metan unha bolsa no peto, non para os cogomelos, que deben ir en cestos, pero si para recoller parte do moito lixo que xente insensible tira polo monte.
Ademais das clásicas botellas de cervexa e alcol, envases de hamburgueserías americanas, latas, vasos de papel e plástico, profilácticos e todo tipo de lixo humano, agora no monte hai días nos que atopamos máis máscaras polo covid-19 que cogomelos. Parece que non somos capaces de aprender nada.
Alejandro Mínguez é experto en micoloxía e autor de varios libros sobre fungos