De «paulas» e «raqueles»

José Luis Guede FIRMA INVITADA

OURENSE

FEB

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días son noticia dúas mulleres xogadoras de baloncesto, Paula Ginzo Arantes (1998) e Raquel Carrera Quintana (2001), pola convocatoria coa selección española absoluta de baloncesto. Esta visibilidade que elas nos regalan é unha oportunidade para facer unha breve reflexión sobre o baloncesto feminino en Ourense.

A pioneira do baloncesto feminino local é unha mestra das Josefinas, Rosa Blanca Gómez Llamas, quen desde os anos 50 ata inicios dos 90 impulsou a participación das nenas no deporte da canastra e noutras disciplinas. Tamén o seu irmán, o recentemente falecido pero non esquecido, José Luis Gómez Llamas mestre da Universidade Laboral quen liderou nos 70 o mítico Club Medina. Con ámbolos dous, a cidade ten unha débeda. Nos anos 80 e 90 viviuse unha idade de ouro do baloncesto. Daquela, os clubes dependían case sempre de individualidades, auténticas alma mater, irrepetíbeis. O Deporte Escolar favorecía unha numerosa participación das nenas ata idade infantil por toda a xeografía provincial. Do Barco máis grande do mundo, o de Valdeorras, xorde Conchi Delgado, a primeira xogadora profesional da provincia con destino ao Ensino de Lugo. O baloncesto feminino existía no rural grazas ao compromiso de persoas como José Luis Gómez «Victoria» quen segue no seu Barco de Valdeorras liderando un proxecto deportivo. Nas vilas e na cidade era frecuente que as adestradoras e adestradores tiveran ao seu cargo varios equipos, adestraran en canchas ás veces exteriores e mal iluminadas a expensas da climatoloxía, facendo loxística imposible para cadrar horarios de adestramentos e partidos, con poucos medios, moita gratuidade e escaso recoñecemento.

Actualmente os clubes están mellor estruturados, con mellores medios e instalacións. As adestradoras e adestradores teñen máis e mellor información, mellor formación e cualificación. Existen redes sociais para compartir información que se pode converter en coñecemento e equipos de traballo multidisciplinarios pero rematou a época das vacas gordas, das axudas públicas e o compromiso da empresa privada caeu en picado. O deporte feminino sofre unha sangría en recursos económicos e tamén falta presenza nos medios e sen presenza non hai inversións. Para moitas nenas o baloncesto segue a ser un pasatempo que chegada a idade júnior deben escoller: xogar para divertirse e estudar ou simplemente estudar porque do baloncesto viven unhas cantas privilexiadas, xeralmente no estranxeiro e que debido á crise retornan a casa apertando os cintos, é dicir, baixando salarios.

Precisamos máis discriminación positiva, políticas acompañadas de presupostos para facer efectiva a plena igualdade de mulleres e homes. Prioridade á subvención de escolas de formación e bonificacións á inversión nos equipos femininos. Potenciar o deporte escolar e os equipos mixtos. Competicións por concentracións para que cada fin de semana sexa unha festa nun pavillón, na cidade e nas vilas, que arbitrar nas idades de formación sexa primado e educadoras e educadores de minibasquet enchan as súas mochilas de tempo e oportunidades para as nenas e os nenos.

Que directivas e adestradores coñezan e compartan os obxectivos que se queren acadar é un requisito, non único pero si indispensable, para a consecución dunha meta común. Ricky Rubio con 14 anos soñou con xogar na NBA.

Dúas preadolescentes tamén soñaron con ser profesionais mais tiveron que buscar fóra, Paula ao Segle XXI en Barcelona e Raquel Carrera ao Celta de Vigo, o que Ourense non lles podía ofrecer. Grazas as súas familias, as fillas teñen as actitudes e as aptitudes, e vós tivestes a xenerosidade de abrirlles as portas da oportunidade, o mérito é voso. Grazas á persoa que lle ofreceu unha pelota de baloncesto a Paula nos Salesianos e a Vaquero polos tres anos de aprendizaxe en Carmelitas. A Rafa Fernández por emocionar a Raquel na escola San José e no CBFO Pabellón.

Que ambas compartisen colexio nas Josefinas pensaba que era unha agradable casualidade pero tal vez sexa unha causalidade. A fundadora das Siervas de San José, Bonifacia Rodríguez Castro, alá polo 1874 xa traballaba a reo pola defensa dos dereitos da muller pobre e traballadora. Case 150 anos despois quedan moitos teitos que abrir. Por diante temos unha gran oportunidade e un reto, facer que soños das paulas e raqueles que están por vir sexan realidades en Ourense.

José Luis Guede é director do colegio San José de Ourense