Os Goya dos empresarios

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen maior intención de aconsellar a ninguén, xa teñen quen o faga e nin maior consideración lles merecería, teño para min que a patronal galega debería tomar unha decisión contundente, arriscada e valente. E esa non sería outra que desaparecer, deixarse ir uns anos en modo «que se esquezan de nós» e mirar de refundarse nun futuro próximo.

O novo episodio, o do presidente que non chegou a ser tal, deixa á Confederación de Empresarios de Galicia nun ridículo superlativo e cunha imaxe pouco, ou nada, gratificante. Como se fose a carreira dos Goya, ou dos Oscar, os candidatos a ser o xefe dos empresarios galegos comezaron a medir os seus apoios, remataron pola autoproclamación dun vencedor e a retirada do seu contrincante... e finalmente os propios empresarios son os que se acusan de facer trampas no que se refire ao proceso telemático de votacións. Por non ser menos, os da patronal galega xa fixeron un Trump -nome a mudar por calquera das campañas dos votantes dos premios audiovisuais antes referidos- e o presidente efémero durou no cargo menos de dous días.

Cun historial que nos últimos lustros foi sumando presidencias polémicas -ao comparar o reclamado dende o cargo coa xestión empresarial propia-, episodios de denuncias cruzadas, revisións do uso e destino de axudas recibidas e outros aspectos pouco exemplarizantes, ao mellor a patronal galega debería optar por un retiro espiritual para ver de mirar cara ao futuro doutro xeito. Iso ou contratar a unha empresa de asesoramento de imaxe.