Xabarín!

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

MÓNICA FERREIRÓS

30 abr 2021 . Actualizado a las 10:56 h.

Medrei cantando cada tarde aquilo de que «somos do clube da Galega, ¡por fuciños, por cacheiras!», no patio da escola lanzabamos as imaxinarias bolas máxicas ao berro de «onda vital xa!» e esmendrellábamos vendo a Shin Chan movendo o «cuíño, cuíño». E entre uns debuxos e outros ían calando en nós -que daquelas combinabamos as tardes de animación coa eclosión hormonal da adolescencia- as letras de Aerolíneas Federales, que co ritmo facilón de Non todo é o que parece, metía nos miolos da cativada que non é non. E coñecemos a Herdeiros da Crus e a Siniestro Total. Tempo despois descubrimos que Goku cando falaba cos colegas en castelán dicía a parvada de «kamehameha» ou que o fillo de Hiroshi e Misae Nohara exhibía «culito, culito». Agora aquelas tardes xa non existen. A min porque me collen traballando e á pequecha porque a Xabarín chega á deshora, e ben escondido no segundo canal. Vese que a mellor campaña de normalización lingüística que houbo nunca en Galicia merece esmorecer. Hai algúns marcianos que dirán que non é preciso porque aquí todo o mundo fala galego e incluso se persigue aos que falan castelán (non chegarían de Marte, pero está claro que a cabeza non a teñen aquí). Só hai que dar un paseo polo parque de San Lázaro un día calquera para comprobar o que ocorre. Ou escoitar á Real Academia Galega alertar de o 35 % do alumnado castelanfalante ten unha escasa competencia en galego. Queremos fillos que falen inglés, pero danos igual que non dominen o galego? De seguro que o Xabarín e a música en galego non son a solución, pero seguro, seguro, que non son o problema.