O escritor Henrique Feixó presenta o poemario «Arrebolarlle á lingua»
14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O poeta ourensán Henrique Feixó (1952) é de Outomuro, en Cartelle. As paisaxes que o rodean e as vivencias do seu propio día a día, entre outras moitas cousas, sérvenlle de inspiración para escribir, tarefa á que lle dedica horas. Tamén ten un claro compromiso coa lingua galega. Este é precisamente o orixe do seu terceiro libro, que acaba de ver a luz, o poemario «Arrebolarlle á lingua».
-Di que unha das cousas que máis o motivan a escribir é o coidado da lingua. Por que?
-Sen dúbida. Neste libro imos atopar un coidado exquisito do noso galego, porque sinto que perdeu moito pé, que está nunha descomposición asoballante. De feito namentres o escribía tiven a impresión en varias ocasións de estalo facendo nunha lingua morta, por iso decidín arrebolarlle para que solte os froitos, coma se fai cos ourizos dos castiñeiros. Penso que a xente, especialmente as xeracións novas non viven de acordo co medio e o seu descoñecemento é absoluto. A lingua estase abandonando, porque se imparte nos colexios e nas universidades pero a xente non o fala e, por tanto, non se cultiva. Primeiro hai que defender o noso idioma.
-Que sentimentos pensa que esperta este libro?
-Creo que moitos porque nel imos atopar moitas cousas. A maioría de poemas escribinos nos primeiros meses do 2020 e logo chegou a pandemia. De feito, fixen un adicado ao covid. Hai unha gran parte de min mesmo neste libro, é autopoética. Eu estou na marxe das correntes literarias porque penso que nelas se xera moitísimo plaxio e hai moi pouca creatividade e innovación.
-E vostede é un innovador?
-Por suposto. Cando se escribe é porque un ten algo diferente que dicir e se non é así, é mellor calar. Para min ler e escribir son alimento para o alma e non podo non facelo.