Xela Arias nacía en Sarria no 62, un ano antes de que a RAG institucionalizase o Día das Letras Galegas no centenario da publicación de Cantares Gallegos. O viaxe de Xela cara Vigo, cara o barrio do Calvario, pasou case seguro pola N-120, asfalto que cruza a provincia. Se pasou por Ourense agardo que levara boa viaxe, que Amparo e Valentín lle cruzaran a ponte romana ou a levaran ás Burgas. Xela foi consciente do seu traballo. Na Galiza que se estaba a construír, encheu de emoción a súa acción, rebeldía, feminismo e acción poética. Este argumentario cadrou entre estes fitos, o aniversario do 15-M e o Día das Letras, xusto no medio, asemella que estorbando para un e para outro lado, coa dubida de se pode facer desta mestura un solo fértil no que outros sementen. Fai xa dez anos, DO acadou dous concelleiros. Quero lembrar que Gonzalo participara na marcha Democracia Real Xa, ata creo que partillamos unhas verbas; daquelas nós eramos a outra opción política local. O movemento transversal que nacera foi medrando co paso das asembleas e das televotacións, seis anos fai da cristalización de Ourense en Común. Unha proposta política acorde a eses tempos. Pero xa daquela, o grupo DO ocupaba unhas porcentaxes no pleno superiores ao imaxinario colectivo do 15-M. Como exemplo para a política estatal, acadar a alcaldía un partido local que no 2011 só tiña a ilusión é un feito a sinalar. O hiperbólico líder coincide nos tempos dos gobernos dun individuo e non dun partido. As sondaxes anticipan outros catro anos do mesmo caldo. Todas as xeracións teñen o dereito e a obriga de gañar o seu espazo na comunidade. Xela arelaba unha nación, conscientemente, chanzo a chanzo foi á súa procura, sen precisar escadas mecánicas. Eiquí seguimos inconscientes no medio da N-120, sen outra dirección a tomar. Cuns orzamentos entre Concello e Deputación de 2.000 millóns de euros en dez anos, sen mellorar no substancial, empeorando no social, nós imos votando cos pés.