Alexandra Seara: «Corremos o risco de morrer de éxito, hai que ser sostibles e desestacionalizar»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alexandra Seara, xerente do Consorcio de turismo Ribeira Sacra
Alexandra Seara, xerente do Consorcio de turismo Ribeira Sacra Santi M. Amil

A xerente do Consorcio de turismo Ribeira Sacra di que este destino rexistrou durante o ano pasado 300.000 pernoctacións

13 jun 2021 . Actualizado a las 10:30 h.

Aínda que resulte paradóxico non hai tanto tempo que a Ribeira Sacra ourensá non existía en Lugo e da lucense non se tiñan novas, é un dicir, en Ourense. No ano 2005 nacía o Consorcio de turismo Ribeira Sacra e a realidade, máis de tres lustros despois, é vizosa e albisca un futuro de grandes posibilidades. Alexandra Seara Sobrino é a xerente do consorcio dende o 2008.

Cantos concellos forman o destino: 20, 21, 25?

—Cando botou a andar o consorcio eran vinte. Agora somos 21 e hai catro pendentes de integrar para que sexan os 25 que están no BIC e no destino turístico: San Xoán de Río, Manzaneda, A Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa.

Hai días que o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, lle entregou en Fitur a certificación Sicted. É un recoñecemento ao feito nestes anos?

—Levabamos tempo tentando poñer en marcha o destino Sicted -Sistema integral de calidade turística en destino- e unha distinción como esta é unha aposta que nos posiciona e potencia a Ribeira Sacra como referencia. Valoraron moito que se tratase dun territorio tan amplo, que corresponda a dúas provincias e que se implicasen as empresas.

—Tamén se presentou alí o plan de sostibilidade turística. En que consiste e cales son os obxectivos?

—Estamos comezando a xestionar un plan de sostibilidade turística para o periodo 2020-2023. Ten unha dotación de dous millóns de euros e contamos co apoio da Secretaría do Turismo do Estado, a Xunta, as deputacións e o consorcio. Queremos poñer as bases para que este crecemento que está experimentando a Ribeira Sacra se faga responsable e non poñamos en perigo os valores do destino. Incidiremos moito en mellorar a mobilidade e a descarbonización. Tamén temos un Pacto pola paisaxe, con Medio Ambiente, que está dotado con 550.000 euros ata o 2022.

Por que pasaría?

-Entre outras cousas por crear aparcamentos disuasorios -e un sistema de transporte para achegar aos visitantes ata os recursos-, fomentar o uso de bicicletas para de terminadas rutas, a cita previa e apoiar o cambio de motores ou a incorporación de barcos que non empreguen fuel -a día de hoxe só un dos que percorren o Miño e o Sil é de tipo híbrido-. Queremos que no 2030 o 70 % do transporte turístico na zona sexa eléctrico.

—Dende o consorcio constátase un cambio de tendencia na zona?

—Sen dúbida. O plan de dinamización turística foi fundamental para o cambio de tendencia e está fixando poboación. Agora ves que hai mozos que apostan por promover os seus propios proxectos, volver ou coller o relevo xeracional cando antes o obxectivo era marchar para unha cidade para buscar saída profesional.

—Como foi a evolución da demanda e cantos visitantes pasan ao ano pola Ribeira Sacra?

—Dende a posta en marcha do consorcio e a creación do destino turístico a demanda foi incrementándose ano a ano. Tivo un parón, e ata un pequeno receso, na crise 2009-2011 e a partir do 2012 retomou os valores positivos. O número de visitantes é moi difícil de calcular pero si que hai un dato estatístico significativo: no ano 2020 entre hoteles e establecementos de turismo rural -sen contar outras modalidades- rexistráronse 300.000 pernoctacións no destino. Daquela o futuro pasa por non pór en perigo en destino: hai que ir crecendo de maneira sostible e desestacionalizar o destino, senón corremos o risco de morrer de éxito. Hai que controlar a capacidade de carga dos recursos.

—Mirando o outro lado da balanza cales son as debilidades?

—A fraxilidade do destino -ao ser zona rural- e os aspectos que debemos mellorar: coordinar máis o traballo conxunto entre a iniciativa pública e privada, manter e dotar de máis seguridade as estradas ou homoxeneizar a sinalización, entre outros aspectos.

«A Ribeira Sacra será Patrimonio da Humanidade. Hai cousas que corrixir e así se fará»

Amosa seguridade e confianza co espazo no que se move e está certa en que a Ribeira Sacra conseguirá o recoñecemento da Unesco. Incide na importancia de ampliar a tempada para desestacionalizar -«xunto con Compostela somos o destino máis demandado fóra do que se consideran as tempadas oficiais»- e lembra que o outono é un momento especial para gozar das paisaxes da zona. Daquela confía en que nun futuro próximo haxa actividade vencellada co sector ata o 15 de novembro.

—O informe Icomos impedirá a declaración como Patrimonio da Humanidade?

—Non. Estou convencida de que a Ribeira Sacra será recoñecida pola Unesco. Hai cousas que corrixir e así se fará. Tardaremos algo máis pero será recoñecida a singularidade deste territorio.

—Alúdese a aspectos como que os encoros racharon a continuidade do territorio, que só existe un mosteiro con actividade relixiosa -o de Pantón-, a existencia de parques eólicos ou canteiras... semellan que son moito máis que anécdotas.

—Algunhas das cousas que se apuntan están fóra da realidade. O que figura na candidatura é o territorio que está dentro do BIC, non todo o espazo considerado Ribeira Sacra. No mesmo non existen parques eólicos e tampouco hai canteiras; puido haber algunha en tempos pero cos anos que leva abandonada xa está integrada na paisaxe. O dos encoros hai que miralo coa perspectiva do tempo: no seu día foron fonte de riqueza. Iso mudou, é certo, pero grazas a eles podemos ter a espectacularidade que vendemos como as paisaxes e o atractivo dos canóns do Sil. Non existe a actividade relixiosa dende hai séculos? Tamén a muralla de Lugo perdeu o seu carácter e hoxe non defende a ninguén... e foi recoñecida pola Unesco. Tardaremos pero teño claro que o conseguiremos.

Sen tempo para as viaxes aprazadas e cunha paixón de nome Leire

A xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra é unha ourensá da colleita de 1985 que logo de titularse na materia rematou aterrando nese territorio espallado ás dúas beiras dos ríos máis importantes de Galicia.

—Como acabou na responsabilidade de xestionar o destino turístico?

—Estaba cursando o Mestrado de Turismo de Interior e de Saúde e no segundo ano estiven vinculada ao proxecto e rematei por quedarme aquí.

—Cales son as vacacións ou os destinos polos que se decanta unha persoa que se dedica profesionalmente ao turismo?

—As miñas vacacións son historia. Ao menos tal e como eran antes. Viaxes de fin de semana e visitas ou escapadas a cidades europeas ocupaban hai anos as miñas preferencias nese terreo. Dende o 2008, que comecei no consorcio, xa foi diferente -sempre hai que estar pendente das necesidades e dos proxectos en marcha-. E logo xa cambiou todo cando casei hai cinco anos. Teño un traballo nun lugar incrible pero é certo que me esixe moitas horas. O meu marido di que o traballo é, en parte, un hobby para min.

—E onde desconecta?

—Dende que casei e tiven á miña filla, hai tres anos, mudaron moito as cousas. A familia do meu marido veraneou sempre quince días en Cantabria e ata alá, a Noja, facemos agora as escapadas cando podemos.

—A que dedica o tempo libre ou que afeccións ten?

—Aínda que pasa o mesmo que coas vacacións, que moito mudaron dun tempo a esta parte, a lectura e o cine foron de sempre actividades polas que me decantei. No primeiro apartado as miñas preferencias pasan pola novela histórica. Aínda que leo de todo. Iso si, dun tempo a esta parte son afeccións algo esquecidas.

—A «culpable» ten nome de muller e figura na súa imaxe de WhatsApp?

—A mesma. Se tivese que apuntar algunha afección actual non hai dúbida de que a mesma se chama Leire e que ten tres anos. É a quen lle decido o pouco tempo libre que me queda.