Cholo Fernández: «Hai que manter as lendas de Trevinca»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Cholo Fernández presenta un conto sobre a Lagoa da Serpe
Cholo Fernández presenta un conto sobre a Lagoa da Serpe Santi M. Amil

O montañeiro presenta un conto sobre a historia da Lagoa da Serpe

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecido como experimentado montañeiro, hostaleiro e guía para todo aquel que queira descubrir as montañas máis altas de Galicia, agora Cholo Fernández dá un novo xiro e presenta o conto «Historia da Doncela Encantada», referente á lenda da Lagoa da Serpe. O acto será hoxe, ás 12.30 horas, no centro de conferencias O Toural da Veiga.

-¿Como xurdiu esta nova andanza?

-Xa escribira hai dous anos ou así un conto para Rede Natura, titulado «Martiño, o Lobo de Pena Trevinca». Non me desgustara a experiencia, e desta volta foi Trevihost, a asociación de hostalería e turismo da Veiga, a que mo propuxo. Forma parte do proxecto que inclúe tamén a colocación de paneis na zona.

-¿Recupera a lenda en formato conto?

-A lenda que hai é curta e non daba para un conto, así que recordei o que me contara un veciño da aldea de Ponte alá polo ano 76, que me falara da lenda pero doutra maneira. Eu fun unindo cachos do que me contou e facendo unha interpretación. É a historia de Mael e Sheila, a quen o pai converte en serpe para que non estean xuntos. Unha noite de San Xoán el regresa para vela e quedan xuntos, creando unha serpe de dúas cabezas e así habitan agora na lagoa. Na noite de San Xoán poden verse os dous namorados abrazados, e o resto do ano vese unha serpe con dúas cabezas, unha de ollos azuis e outra de ollos marróns.

-¿Está pensando na seguinte?

-Agora quero facer algo sobre a Cántara da Moura. Hai que manter os contos, a imaxinación, a lenda e os mitos de Trevinca.