A auga, un negocio para uns poucos

Montse Valencia TRIBUNA ABERTA

OURENSE

El volumen de embalses como el de Cenza, en Vilariño de Conso, es insuficiente para poder garantizar las actividades acuáticas en la zona o para preservar el valor paisajístico del parque natural
El volumen de embalses como el de Cenza, en Vilariño de Conso, es insuficiente para poder garantizar las actividades acuáticas en la zona o para preservar el valor paisajístico del parque natural Santi M. Amil

30 ago 2021 . Actualizado a las 16:29 h.

Cando Franco e Barrié de la Maza viñeron inaugurar o encoro das Conchas no 1949 na Baixa Limia, a miña avoa, a señora Elisa León, pronosticaba a desgraza económica da aldea polo anegado de terras, unha perda de patrimonio que endexamais foi compensada por Fenosa. Logo chegaron á zona tres encoros máis.

Para Ecoloxistas en Acción, en Galicia hai un denominador común respecto ás desfeitas ambientais: as empresas privadas que explotan irracionalmente bens públicos e as administracións que son neglixentes e que, polo tanto, consenten.

Do baleirado dos encoros nestes días concluímos que non hai fiscalización por parte do organismo de cunca sobre os datos que arroxan os encoros e, parece ser, que tampouco ten capacidade, dito organismo, para obrigar a facilitar datos actualizados ás empresas explotadoras. Doutro lado, levamos arrastrando uns plans hidrolóxicos que non se adaptan ás necesidades socioambientais das zonas onde se ubican os encoros.

Vivimos a expensas das decisións empresarias, que teñen vía libre á hora de explotar un ben público como é a auga para beneficio propio exclusivamente, e sen que haxa administracións con vontade de pór freo ao espolio enerxético. Esta situación leva a someter a un estrés hídrico ás canles fluviais abocadas a unha total desprotección xurídico-ambiental da biodiversidade, peixes e vexetación de ribeira principalmente, que pode conlevar á perda ou devaluación do espazo natural.

A escusa do baleirado drástico dos encoros para produción enerxética debe ser unha actuación, en todo caso, contida no título de concesión porque cando unha administración outorga unha concesión, cales son as condicións que impoñen á concesionaria? Neste senso cabe lembrar que existe xurisprudencia recaída sobre augas encoradas que rexeita que as concesionarias poidan soltar auga cando e como lles conveña sendo a protección ambiental prioritaria.

A administración hidráulica ten recursos xurídicos suficientes para reverter a situación sancionando, primeiramente, e recuperando os saltos hidráulicos para crear un ente público capaz de intervir no actual sistema de oligopolio enerxético ao que estamos sometidas. A Lei de Augas recolle a posibilidade para que as Confederacións Hidroeléctricas poidan intervir os aproveitamentos hidroeléctricas para garantir a súa explotación racional.

A conca Miño-Sil atura a maior presión hidroeléctrica de Galicia polo que no seu día, hai anos, desde o goberno central propuxeran unha moratoria á ampliación de novas hidroeléctricas nesta conca. Lonxe estamos desta moratoria cunha central hidroeléctrica reversible Salas-As Conchas, na Baixa Limia ao carón do Parque Natural Transfronteirizo Xurés-Gêres, informada favorablemente pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente (BOE núm. 119, de 19 de maio de 2017).

Por outra parte, empresas e administracións están apelando estes días ao verán especialmente seco que estamos padecendo. Pero a previsión dun verán seco xa se pronosticara en xuño. Logo entón, cales son os protocolos de actuación para uns e para outros ante a previsión dunha época estival seca? A resposta é que non hai planificación. Polo tanto, é hora de que os consumidores defendamos o uso racional dos recursos para garantir a viabilidade futura destes. É hora de apostar polas cooperativas de enerxías renovables e polas comunidades enerxéticas e, sobre todo, é hora de reducir o noso consumo e decrecer.

Montse Valencia León é asesora xurídico-ambiental de Ecoloxistas en Acción.