Contan as linguas (non murmuradoras) que fai pouco máis dun cuarto de século, alá polo ano 1985, dous mozos da parroquia de Sande, do concello de Cartelle, en Ourense, cos corazóns acendidos polo recordo que seus pais lles transmitiran do entroido de Sande, decidiron sacar ás rúas a figura da bonita. Malia que nin a ditadura nin a guerra fora capaz de interromper esta popular celebración, si que o seu personaxe central caira en certo esquecemento.
Eu era un deses mozos, e ese día para os veciños e veciñas máis maiores foi como se unha máquina do tempo os levara a entroidos pasados, a aqueles nos que os catro mellores mozos da parroquia tiñan a honra de vestir o traxe de bonita. A rapazada -moitos nin sequera sabían ben quen eran «eses dous», vestidos con calzóns brancos, careta de arame e un con plumas de galiña- estaba a ver algo que ata ese día só existía no recordo dos seus avós.
Ese primeiro paso marcou a historia máis recente do entroido de Sande, e logrou avivar un sentimento que parecía durmido, que non morto. Uns anos máis tarde animáronse a vestir o traxe de bonita algúns máis, un pequeno grupo, pero foi grazas ao traballo posto en marcha dende a Asociación de Veciños Castelo de Sande que recuperamos definitivamente este personaxe.
Así, grazas á labor feita pola asociación e polos veciños que aportaron o seu testemuño (en especial o señor Evaristo e o meu pai, Antonio, que nos trasladaron con agarimo os pasos precisos para realizar de xeito artesanal os gorros) logrouse elaborar o traxe o máis fiel posible ao orixinal: pantalón e camisa de liño branco, gravata vermella, dous mantóns de Manila cruzados ás costas, falda feita con colcha e polainas con axóuxeres nos pés. A cara cóbrese cunha careta de arame pintada con boca e grandes ollos. Coroando a cabeza, un armazón de madeira con catro picos cubertos de pluma de ave e fitas de cores colgando. E lucindo esta vestimenta, as bonitas regresamos ao entroido de Sande. Agora mesmo, aínda que non sempre saímos todas as que somos, hai feitos 50 traxes completos. E non só os lucimos en Sande. Pouco a pouco as singularidades do noso traxe (as plumas de ave na cabeza, o arame pintado para cubrir a cara, ou o feito de vestir falda e gravata mostrando a dualidade de home-muller, entre outras) e tamén o noso carácter rural fixeron que en Portugal, onde as máscaras son obxecto de culto, empezaran a convidarnos a participar en encontros, coma os de Mogadouro e a Lisboa, aos que levamos viaxando varios anos. E, pouco a pouco, foron coñecéndonos tamén no noso país: desfilamos na ViboMask de Vilariño e Viana, Cobres, Santiago, Ourense, Asturias, Zamora... A nosa máis recente participación foi onte mesmo en Lisboa, no Festival Internacional da Máscara Ibérica, onde sempre contan con nós e onde xa temos grandes amigos que tamén nos teñen visitado en Sande. Porque os entroidos, sobre todo nos últimos anos, tamén supoñen un importante intercambio cultural e son dinamizadores económico e sociais do lugar onde se celebran, movendo a moita xente.
Na nosa labor de recuperación, tamén logramos rematar unha reprodución máis fiel á orixinal da vaca, un personaxe máis do noso entroido: o oso, un dos poucos que existen en Galicia. Tamén están as avutardas, que nada teñen que ver coas aves... pero esas teredes que vir coñecelas a Sande.
Fai un par de anos creamos a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande, e, o pasado ano, pola pandemia tan só sacamos mecos á rúa. Digamos que ao único que presidía tradicionalmente o entroido lle saíu familia. E como «unha cousa é predicar e outra dar trigo», para o ano convidámoste a ti, que estás dedicando o teu tempo á este antergo entroido, que veñas descubrir e desfrutar do noso entroido a Sande.