Tito Asorey: «Na obra está a historia de Galicia»

x. m. r.

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Incendiaria e A Quinta do Cuadrante estrean «A lúa vai encuberta», de Manuel María, no Teatro Principal

10 sep 2021 . Actualizado a las 15:24 h.

O Teatro Principal abre a súa programación do segundo semestre do ano e para a ocasión a aposta pasa por unha montaxe que chega cun gran valor engadido. Hoxe, ás 21.00 horas, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria estrean a súa obra «A lúa vai encuberta». Sábado e domingo, ás 21.00 e 20.00 horas respectivamente, haberá outras dúas representacións. A dirección é de Tito Asorey (Ourense, 1977), quen por vez primeira compaxina as facetas de director e actor nunha montaxe. Vanesa Sotelo, Melania Cruz e Davide González completan o reparto. Coa súa proposta escénica, as dúas compañías gañaron o premio do Certame Manuel María de teatro.

—Por que optaron pola obra?

—Vimos todas as obras de Manuel María, a dramaturxia completa, e tiñamos claro que este texto entronca co que queriamos facer. A decisión foi unánime.

—«A lúa vai encuberta» resistiu ben o paso dos anos?

—E tanto. Nós apostamos por un teatro documento, que é no que estamos a traballar ultimamente, e o texto de Manuel María ten todo o que podes necesitar. Neste orixinal dos anos 70 están os conflictos sociais, a historia do país, as claves de como empezou todo isto e de como se fixo a Galicia de hoxe... ten moitísima vixencia. E tamén moita lírica, algo que nos facilitou darlle protagonismo á música.

—Un texto creado para a Agrupación Cultural Auriense e nunca representado. Iso dálle un valor engadido?

—Moitísimo. Un texto para un colectivo de Ourense, que non chegou a representarse... iso provocou que nos puxésemos a indagar, a falar coa xente da Auriense para saber que pasou. E ese proceso tamén forma parte da montaxe. Para min, como ourensán, foi un traballo moi atractivo e interesante.

—Na presentación da montaxe Ansede, da Casa Museo Manuel María, salientou a singularidade do premio no referido á xira de representacións?

—Iso é o que fai diferente e lle aporta interese á convocatoria. Para min é o premio máis potente e interesante de Galicia, porque o que se recoñece é un proxecto teatral. Este non é un premio de literatura dramática, non, é un galardón de teatro. Que che garanten unha xira de trinta representacións, de entrada, é un acerto absoluto da Fundación Manuel María e debería marcar a liña a seguir por outras entidades ou institucións.

—Como foi o traballo con Incendiaria?

—Xenial, de luxo. Conseguimos unha conexión espectacular. Os dous grupos somos moi afíns no compromiso, no teatro e na realidade. Xa traballara con Davide González e nunca o fixera con Vanesa Sotelo.

—Primeira vez que dirixe e actúa na mesma obra.

—Nunca o fixera e decidín asumir o risco. O ter un apoio fortísimo de todo o equipo, dos compañeiros de escena aos técnicos, permíteme estar dentro e fóra. É unha experiencia moi atractiva e moi interesante.