José Antonio Quiroga: «A calidade da auga en Ourense é boa, pero con puntos negros»
OURENSE
O titular da Confederación Hidrográfica Miño-Sil agarda que a inversión no Barbaña recupere o río
26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Senta o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na mesa de reunións do seu despacho e enche a fronte da mesma de estatísticas, datos, previsións e todo o que considera de interese para debullar a situación das cuncas fluviais que son da súa competencia. José Antonio Quiroga Díaz non anda con reviravoltas; responde axiña, tira de cifras e análises da situación pola que se lle pregunta e non deixa dúbidas sobre o que pensa ou cal é a postura e as responsabilidades de cada quen nas situacións recurrentes que se están a dar na provincia dende hai anos. Hai tres que asumiu a responsabilidade e sinala que a xestión futura será moito máis axil e efectiva, logo de atender as necesidades básicas atopadas e da próxima entrada en vigor de medidas como as que axilizarán as talas ou limpezas na beira dos cauces fluviais.
—Cal é a valoración destes tres anos na Hidrográfica?
—A realidade con que nos atopamos é que a cunca Miño-Sil ten competencia sobre 20.000 quilómetros cadrados, non é das máis grandes, e presenta unha realidade moi complexa e diversa. Temos 20.000 quilómetros e neses hai 12.207 núcleos de poboación o cal quere dicir moita actividade e acción social. Aquí entran todos os anos milleiros de expedientes, o que fai que se perda moito tempo nesas xestións. Co novo escenario, cos cambios no dominio público hidráulico, vaise axilizar moito a tramitación e poderemos centrarnos noutras iniciativas.
—Como cales?
—Desenvolvemos moitos proxectos en colaboración coas administracións locais ou coa Deputación. Acondionamentos de marxes, limpezas de ríos, depuración de aguas e outras iniciativas son accións prioritarias. Só por dar un dato: neste 2021 a limpeza de marxes supón un investimento de máis de 4 millóns.
—Neste tempo cales foron as prioridades?
—A xestión administrativa antes citada, os traballos de depuración -mediante convenios coas administracións locais- e a limpeza de marxes. E un aspecto moi importante como é a campaña de sensibilización nos colexios.
—Cal é a situación da provincia no referido aos ríos?
—A calidade da auga é boa, pero con puntos negros. No caso do saneamento urbano o problema témolo en Maceda -non ten sitema de depuración e hai dúas actuacións previstas para atallar esta situación- e logo están casos como o do río Barbaña -onde está prevista unha actuación por importe de 29,7 millóns-, o das canteiras da lousa no oriente da provincia e o da Limia.
—No caso do Barbaña tan difícil é atopar a quen verte e contamina ou non interesa?
—Non é difícil, ao mellor o que pasa é que non interesa. Hai unha actividade empresarial importante, é certo, pero tamén unha desidia interesada por parte do Concello de San Cibrao. A responsabilidade do control é da administración local e, en consecuencia, as sancións recaen no Concello.
—Hai solución para A Limia?
—Na comarca hai 407 granxas intensivas, o que é unha densidade altísima para o territorio da Limia, e os mecanismos de control da actividade agropecuaria ou non se fan como é debido ou non existen por parte da autoridade competente. Lémbrolle que a mesma é a Consellería de Medio Rural. A situación é dramática no que se refire á calidade da auga dos acuiferos da Limia. Nalgúns sitios é imposible facer un pozo e sacar auga potable.
—A actividade gandeira e agrícola convertirán ás Cunchas no Mar Menor ourensán?
—O camiño vai por aí, aínda que hai que confiar en que as novas medidas e o futuro Real Decreto, en base ao nivel de nitratos, sirvan para corrixir a situación.
Un xeógrafo que volverá ao seu espazo, o Ecomuseo de Arxeriz
José Antonio Quiroga Díaz (O Saviñao, 1960) formouse na Universidade de Santiago de Compostela, pola que é Licenciado en Xeografía e Historia -especialidade de Xeografía-, e ten desenvolvido unha ampla carreira profesional e política. Funcionario de carreira dende setembro de 1988, foi profesor no IES Lamas das Quendas (Chantada) e do CEIP López Suárez (Escairón). Dirixiu a escola taller Terras do Saviñao, foi director da SPEE-Inem en Lugo, técnico de xestión de proxectos na Deputación provincial lucense e impulsor e director do Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao). Botou dous anos como deputado no Parlamento de Galicia e dende agosto do 2018 é presidente do organismo de cunca que ten as competencias sobre a demarcación Miño-Sil. A súa paixón é a Ribeira Sacra e as terras nas que dende hai xa moitos anos desenvolve a súa actividade e a súa vida, con centro neurálxico no Saviñao. Sobre este territorio repartido entre as provincias de Ourense e Lugo versa o seu libro Guía das igrexas románicas da Ribeira Sacra, unha obra de coidada edición que inclúe 55 lugares de interese para coñecer este patrimonio. En galego, español e inglés, vai pola segunda edición.
—Volverá ao ensino unha vez rematada esta etapa?
—Fun profesor e vivino con moita satisfacción porque foi a miña vocación e gocei co meu traballo no ensino. Aínda que, nesta altura, non contemplo esa posibilidade.
—E á política?
—Tampouco. Son ciclos que xa están cumplidos e as miñas aspiracións e obxectivos non pasan por aí.
—Por onde logo?
—No futuro véxome centrado na actividade patrimonial e en todo o que ten que ver coa cultural fluvial e os proxectos e iniciativas do Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao). Alí contamos coa maior colección de embarcacións tradicionais que se empregaron nos ríos Miño e Sil, un conxunto de pezas único en toda Europa e que aínda nos dá algunhas sorpresas e ledicias de cando en vez.
—É a súa afección fóra da responsabilidade na Hidrográfica?
—É máis ca iso, é unha paixón e unha auténtica satisfacción: a última foi localizar unha barca de dornas, que navegou ata o ano 1959, e que estaba nunha adega na zona da desembocadura do Cabe no Sil. No Ecomuseo tiñamos unha reprodución, en base aos datos que se coñecían, pero atopar un exemplar auténtico, esta xoia, foi algo especial. O museo e falar co xente que garda a nosa memoria, e que se está perdendo, é co que gozo.
«O edificio do centro de interpretación dos parques naturais non é viable»
A asignatura pendente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil é dotarse dunha sede propia para centralizar nun mesmo lugar toda a súa actividade, repartida na actualidade por cinco espazos da cidade. Aínda que se barallaron varios edificios ou emprazamenros non se concretaron as propostas. O presidente cre que a solución pasa «por un proxecto de nova planta, necesitamos 5.000 metros cadrados para a nosa actividade e faise difícil encaixar iso nun edificio a rehabilitar».
—O investimento nos regadíos da Limia dará resposta á vella demanda da comarca?
—Hai un compromio de Seiasa, do Ministerio de Agricultura, de aportar 15,9 millóns para este proxecto e contémplanse 47 pozos para a extración de auga. A Xunta deberá aportar 4 ou 5 millóns e as comunidades de regantes 5 ou 6. A día de hoxe o único compromiso firme é o de Seiasa.
—O baleirado dos encoros terá consecuencias?
—O que fixeron en Cenza, Portas e, en menor medida, Salas non é razoable. Tampouco o de Belesar, que aínda que non está en Ourense si afecta á provincia. Dito o cal, teño que lembrar que se está empregando isto para criticar e desprestixiar ao Goberno central, cando a competencia é da Xunta e ao Goberno galego lle corresponde adoptar decisións.
—Que vai pasar co edificio para o centro de parques naturais?
—Ese é un proxecto fracasado e unha iniciativa que tivo moi mala vida. Non ten utilidade e tampouco é viable. O centro de interpretacións dos parques naturais de Galicia será derrubado, non hai outra solución.
—Retomará a actividade a Chavasqueira?
—Si é posible recuperar a actividade, mais o problema é o retraso que acumula a tramitación.