«Este é un mundo e unha historia de mulleres»

OURENSE

Susana Dans interpreta a Emilia Pardo Bazán
Susana Dans interpreta a Emilia Pardo Bazán Cedida

A actriz Susana Dans interpreta a Pardo Bazán na obra «Cigarreiras», que chega mañá ao Teatro Principal

16 feb 2022 . Actualizado a las 00:34 h.

A obra «Cigarreiras» chega ao Teatro Principal de Ourense este domingo. A función, que comezará ás 19.00 horas, é unha adaptación do texto de Emilia Pardo Bazán, «A Tribuna», dirixida por Cándido Pazó. A actriz Susana Dans interpreta á escritora, e comparte protagonismo no escenario con outras seis mulleres: Tamara Canosa, Isabel Naveira, Iolanda Muíños, Covadonga Verdiñas, Ledicia Sola e Ana Santos. «Cigarreiras» é unha obra que afonda no feminismo, no amor e nos prexuízos de clase. As entradas poden comprarse na web de Ataquilla e teñen un prezo de entre 12 e 15 euros.

—Que imos ver en «Cigarreiras»?

—Pois a trama e o espírito é exactamente o mesmo que o de «A Tribuna». Céntrase totalmente no personaxe de Amparo, que é esa cigarreira que consegue mobilizar as súas compañeiras de tal maneira que acaban organizando a primeira folga de mulleres que coñecemos en Galicia. Cándido Pazó fixo un traballo de adaptación impresionante, xa que a novela é longuísima e hai que concretala nun espazo de menos de dúas horas. O que fixo o director é pór a Emilia Pardo Bazán relendo a súa propia obra na casa, namentres agarda a visita dunha das cigarreiras, porque se sabe que tiña relación con varias delas. De feito cando escribiu «A Tribuna» visitou en varias ocasión a fábrica de tabaco. No momento que Emilia está lendo, vai revivindo toda a historia. Encara o mundo real co mundo de ficción.

—E ademais é unha obra na que só saen mulleres.

—Efectivamente, esa é a outra peculiaridade de «Cigarreiras». Todos os homes da novela, os que participan da vida das mulleres, que son as verdadeiras protagonistas da obra, non aparecen fisicamente. É dicir, é na memoria de Emilia ou das mulleres cando aparecen. Prescíndese totalmente da figura dos homes. É un mundo e unha historia de mulleres.

—Como é meterse na pel, outra vez, de Emilia Pardo Bazán?

—Eu teño a sorte de que non é a primeira vez que me topo coa personaxe de Emilia Pardo Bazán —xa fixo da escritora na película «A condesa rebelde»—, diríase son reincidente. Hai moitísimas cousas que ler para coñecer a esta muller, tanto escritas por ela, como escritas sobre ela. Eu intento aproximarme o máximo posible e me resulta fácil a pesar da distancia. Porque si, hai moitas diferenzas. Non hai que esquecer que Emilia era unha condesa, unha persoa de clase moi alta que contaba con todas as comodidades do mundo, a pesar de ser unha gran feminista e de pór os ollos nas dificultades que tiña a sociedade da súa época. A única pega que eu lle poría é a lingua, que non houbera investigado, afondado e valorado máis o galego. É o que máis me custa entender de Emilia.

—Cal cre que é a importancia de recuperar textos coma este?

—Pois tristemente aínda é necesario estar revisando de forma constante hoxe en día obras como esta por dúas correntes. Unha é a do feminismo, porque segue habendo enormes exemplos de diferenciacións entre os sexos. Avanzamos moito, pero non o suficiente. E a outra sería polo terrible renacer das dereitas máis ultraconservadoras, unha situación que da moitísimo medo. Penso que calquera loita que haxa do mundo obreiro é máis que necesaria. Recordar que a precariedade social sigue existindo. Por iso espectáculos coma este seguen estando de tremenda actualidade.