Non esquecer a historia: Sergio Peñamaría de Llano

Emilio Vega TRIBUNA ABIERTA

OURENSE

Sergio Peñamaría de Llano, entonces alcalde de A Coruña, con Francisco Franco tras la tradicional cena que ofrecía en su honor durante las vacaciones veraniegas del dictador en Meirás a finales de los años 60
Sergio Peñamaría de Llano, entonces alcalde de A Coruña, con Francisco Franco tras la tradicional cena que ofrecía en su honor durante las vacaciones veraniegas del dictador en Meirás a finales de los años 60 BLANCO

15 nov 2021 . Actualizado a las 11:26 h.

O Concello do Barco de Valdeorras no seu pleno do outubro de 2019 aprobaba por maioría absoluta de toda a corporación ( PSOE, PP, Riada e BNG) unha moción dirixida ao Concello da Coruña solicitando a aplicación da Ley de Memoria Histórica (Ley 52/2007 do 26 de Decembro). A moción solicitaba promover «a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade», ante as actuacións de Sergio Peñamaria de Llano.

Outra moción aprobada o 29 de setembro do 2021 tamén con maioría absoluta e tamén dirixida ao Concello da Coruña solicita sacar o nome da rúa de Peñamaría da Coruña e substituíla por Mártires de Valdeorras, sinalando «a figura do tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano e as súas actuacións crueis e asasinas accións ao servizo do franquismo». Vemos pois dereitas e esquerdas xuntas nunha mesma solicitude: aplicación da lexislación vixente, denuncias da actuación do avogado e tenente Peñamaría de Llano e solicitude dunha reparación da dignidade moral e ética polos crimes cometidos.

Recollía esta última moción unha solicitude da Comisión para Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH Coruña) presentada no pleno polo BNG e Riada Cidadá. Dita moción valdeorresa foi recollida polo grupo municipal do BNG no pleno do día catro do presente. Votaron e favor BNG e Marea Atlántica e en contra o PSOE e o PP, coa argucia burocrática de que había que profundizar na historia (máis aínda: terían que darse unha volta por Valdeorras), remitindo a un posterior estudo por unha subcomisión dun rechamante «Consello Municipal da Memoria Democrática», consello que leva máis de dous anos sen reunirse. Podemos aclararlle a memoria e cultivar a súa cultura, que polo que se ve os seus compañeiros si coñecen perfectamente.

A actuación de Sergio Peñamaría de Llano, na comarca de Valdeorras, como tenente ao mando do I Tercio da III Brigada da Lexión está perfectamente documentada por fontes orais e veciños da comarca, por historiadores como Aurora Marco, Félix Yáñez, José Antonio Gurriarán, Luis Lamela e un longo etcétera. Coñecemos o brillante avogado e falanxista de primeira hora; voluntario contra a legalidade republicana; combatente ao mando do Xeneral Yagüe, o Carniceiro de Badajoz; activo militante da caterva de asociacións para-fascistas da posguerra (o 01 de abril do 1975 participa nun acto de vellos falanxistas coa Hermandad Alférez Provisionales, Antiguos Combatientes de la División Azul, Asociación Excombatientes, e a Hermandad de Legionarios, da cal, outro cargo máis, Peñamaría de Llano era vicepresidente); alcalde e procurador nas Cortes da Ditadura nomeado polos servizos prestados ao réxime; e un longo etcétera. No medio podemos velo outorgando a «Medalla de Oro de la Ciudad» a un xeneral golpista como Fermín Gutiérrez Cobo. «Mi general», dirá Peñamaría ante o coordinador e máis activo golpista e represor militar na Coruña de 1936.

Aquí non cabe discusión, todo documentado, fácil de coñecer recorrendo aos libros de historia e hemerotecas.

Cando nos xuízos de Nuremberg as democracias occidentais sentaron no banco aos xerarcas criminais do nazismo non o fixeron como un «axuste de contas» nin aires de vinganza polo horrendos crimes cometidos. O sentido do xuízo foi pechar unha denigrante etapa histórica da humanidade, recordar aos culpables dos crimes e resarcir a memoria dos asasinados. Sabíase quen eran os culpables, intelectuais, científicos e avogados coñecedores conscientes dos crimes que cometían.

Por se quedaba algunha dúbida despois do libro de Hanna Arent Eichman en Jerusalen, a pensadora alemá Bettina Stangneth no seu libro La Verdad del mal. Eichman ante Jerusalen deixou moi claro que os xerarcas nazis e os seus colaboradores eran moi conscientes do seu «traballo» como criminais. Non só eran colaboradores necesarios senón partícipes directos e coñecedores do carácter criminal dos seus actos, máximo no caso de avogados que coñecían as lexislacións democráticas e humanas do momento. No ano 2019, a canciller alemá Angela Merkel rendeu tributo aos asasinados polo réxime nazi. Mostrou a «profunda vergoña» polos crimes do nazismo e sinalou a obrigación eterna de recordalos e de asumir a responsabilidade, afirmou coa Alemaña baixo a bota de Hitler formaba parte da identidade nacional do Estado Alemán. O presidente francés Enmanuel Macron fala de «crimes inexcusábeis» na represión das protesta de arxelinos de París no ano 1961, acontecemento xenófobo con decenas do mortos e miles de detidos.

Dous gobernos de dereitas europeos teñen a dignidade moral e política de recoñecer os seus erros históricos, os horrendos crimes cometidos e reparar a dignidade das vítimas.

Non. Pero hai un par de cuestión fundamentais.

A primeira, as mocións dos plenos do Concello do Barco de Valdeorras solicitando a reparación moral pola actuación «cruel e asasina de Sergio Peñamaría» están dirixidas ao goberno municipal da Coruña: debémoslla aos veciños de Valdeorras. O Concello da Coruña non pode por máis tempo pasar por alto as dúas mocións e ten que darlle tramitación ás mesmas. Non cabe dar desculpas burocráticas para esconderse. É incomprensible que un goberno municipal socialista se negue a cumprir coa legalidade democrática, motivo que pode dar pé a dubidar da súa catadura moral.

A segunda é que non debemos nin podemos esquecer a historia se non queremos que se repita unha ditadura cruenta como a que sufrimos co Xeneral Franco. Queremos avanzar na democracia e cumprir a legalidade recollida na Lei da Memoria Histórica. É asombroso que gobernos de dereitas europeos recoñezan publicamente os antepasados seus crimes como parte da súa historia, mentres un goberno do PSOE só pon inconvenientes para cumprir algo tan simple como a legalidade establecida.

E non creo que ninguén queira máis actuacións criminais como a de Sergio Peñamaría de Llano na comarca de Valdeorras.