
Desde marzo de 2020 vimos sufrindo unha pandemia provocada pola covid-19 que sorprendeu a toda a humanidade. Iso supuxo ter que afrontar moitas situacións de auténticas necesidades e complexidades para as que non estabamos preparados: confinamentos, persoas que se viron con dificultades para simplemente cubrir as necesidades básicas, perdas de empregos en moitos casos xa precarios, ERTEs, , novos hábitos e maneiras de vivir e traballar... Cousas que supuxeron máis dificultades e penurias para aquelas persoas en situación vulnerable, en risco de pobreza e de exclusión social, especialmente ás mulleres, nais con menores e persoas inmigrantes. Desde Cruz Vermella fíxose un gran esforzo por seguir atendendo a todas as persoas que chamaron ás nosas portas e axudalas para alomenos aliviar as situacións máis urxentes. Fixémolo a través do Plan Responde, coa achega de moitas persoas, a entrega do persoal propio e do voluntariado, e coa imprescindible colaboración de empresas, particulares e das Administracións.
Hoxe seguimos traballando e adaptando a nosa actuación á realidade cambiante na que vivimos, pendentes da evolución da pandemia e da vida mesma. Así é o caso da área de Emprego. Desde sempre tivemos claro que o obxectivo non é manter axudas indefinidamente. A mellor saída é a inserción laboral: conseguir un emprego para a subsistencia familiar e coa dignidade que toda persoa se merece. E ese é o noso obxectivo principal. Facemos cursos de formación, cualificación, orientación, asesoramento, empoderando e animando ás persoas, dándolles ferramentas para chegar con éxito á meta do seu proceso de busca de emprego. Procuramos estarmos ao día nas novas tecnoloxías, na dixitalización, nas tendencias de novos empregos, para poñer máis fácil o camiño a quen o ten máis difícil: as persoas e colectivos máis vulnerables, porque son os que teñen menos oportunidades e os que teñen máis necesidades.
E sempre o facemos buscando alianzas co tecido empresarial, sinerxías que facilitan prácticas non laborais ao alumnado dos cursos, charlas impartidas por profesionais e, sobre todo, coñecer as necesidades das empresas: que perfís buscan para incorporar nos seus cadros laborais, con que formación ou experiencia, para poder formar ou preseleccionar candidatos entre as persoas coas que traballamos.
Con esta vocación de innovación continua, xurdiu a Mesa de Diálogo Empresarial «Emprego Verde, un Reto de Futuro», celebrada recentemente e coordinada polo doutor e profesor da Universidade de Vigo, Andrés Mazaira Castro, unha das persoas por unha das persoas que máis sabe neste momento sobre emprego verde e economía circular, así como sobre a situación da provincia. Foi moi enriquecedor e estamos moi agradecidos por ter contado coa participación de empresas punteiras no sector verde: Alicia Royo, en nome de Viaqua-Suez, con quen mantemos convenios dende hai anos; César Graña, director de recursos humanos do Grupo Valtalia; Pedro Otero, de Utramic S.L..; Ainhoa Rodríguez, en representación de Formato Verde; e Germán Rodríguez Saa, de Solgaleo.
Foi unha mesa de debate oportuna, necesaria e produtiva, na que coñecemos de cerca a situación do sector, así como as oportunidades de emprego estable e de calidade. De feito neste momento hai cerca 8.000 empregos e 300 empresas vinculadas ao sector verde na nosa provincia, polo que é unha aposta segura, sostible e de futuro. Como esta reunión de traballo debemos celebrar máis, co obxectivo de aunar vontades para achegar solucións aos problemas da nosa sociedade, das persoas coas que traballamos e tamén para que as empresas sumen talento e diversidade nos seus equipos.
En nome do equipo técnico do Plan de Emprego de Cruz Vermella dou as grazas pola boa acollida desta iniciativa por parte das empresas participantes e pola súa solidariedade. Nós seguiremos traballando, co apoio do Fondo Social Europeo e o Goberno de España, para favorecer o acceso de colectivos vulnerables ao mercado laboral, porque estamos seguros de que o emprego é a mellor vía de inclusión social das persoas. Por elas paga a pena.
Bo Nadal. No vindeiro ano seguiremos traballando por e para quen máis o precisa.