No noso corazón, Fandiño

OURENSE

Tito Fandiño, una de las tres generaciones que mantuvo abierto el restaurante Casa Fandiño en Allariz
Tito Fandiño, una de las tres generaciones que mantuvo abierto el restaurante Casa Fandiño en Allariz Pablo Araújo

06 ene 2022 . Actualizado a las 10:28 h.

O poema é de Félix Grande, ano 1966, tan grande como o seu apelido: «Donde fuiste feliz alguna vez/ no debieras volver jamás: el tiempo/ habrá hecho sus destrozos, levantando/ su muro fronterizo/ contra el que la ilusión chocará estupefacta». Moitos anos despois, Sabina, sen citar a Félix Grande, cantou iso de que «en Comala comprendí que al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver». E talvez sexa mentira. Os lugares que teñen alma nunca escapan. Estarán alí cando pasen os anos. Gardarán o recendo, os abrazos, o goce, as conversas secretas, as risas e as confesións. Gardarán todo iso que pensamos que perdemos para sempre. Vivir é ir perdendo. Pero tamén ganando nostalxias, coma bicos, disfrazadas de memoria. Lola camiñará, co seu mandil de escudo, e preguntará polo prebe das ameixas. O Pepe estará lendo o periódico nunha mesa. Lola nunca descubrirá as súas receitas máxicas. O Pepe ha de rir, con lúcida ironía.

Despois aparecerá o Tino, tan benévolo e xeneroso e amable (esa xente, a boa xente, que desde que a coñeces non podes deixar de amar). Pasarán anos e seguirán correndo as risas e as confesións e os abrazos. Podería escribir esta columna breve dende a tristeza, pero non cabe tristeza cos Fandiño, co Fandiño. Son o espello dun mundo que é o noso mundo, ese que permanece, pese a todo, e nos acompaña cando pensamos qué felices fomos. O mundo que segue en pé a pesar dos golpes e endemias da vida.

O que nos fai mellores do que somos. Vexo paseando polo meu adentro á saga Fandiño, Lola e Pepe e Tino e Xurxo e Sabela e Mari, e creo que os lugares onde fomos felices non desaparecerán nunca. Esa é a miña certeza. Por iso escribo estas poucas liñas a zarpazos. Como querendo escapar da melancolía. Porque o que amas perdura. E estará alí para sempre. En medio da Ziralla, patria culta e libre, servindo pratos e vasos de alegría. Poderán quitarnos os lugares. Talvez as cercanías, as conversas, a vista. Porén, eu sei que os sitios onde fomos felices son os que paseamos calados, de noite, cando os soños camiñan. Neles viven para sempre os seus fantasmas.

Ninguén poderá arrancalos, nunca, do noso corazón.