Hai días cumpriuse unha década do pasamento de don Manuel Fraga, o derradeiro conservador, o maior expoñente da visión ideolóxica, para min, máis acaída á forma de ser e vivir de Galicia. Penso que canda el marchou, ademais dun líder político, unha man chea de cousas das que saliento tres: unha idea, unha praxe e unha esperanza.
A idea da Galicia de seu e orgullosa do seu («Nós queremos seguir sendo galegos, non queremos paga-lo prezo de deixar de ser galegos por ser españois, nin por ser europeos») que falaba con voz propia, e era respectada, en todos os foros nos que se xogaban os seus intereses; unha praxe dedicada ao servizo público cuns principios políticos e morais, coñecidos e coherentes, que pivotaban na reforma e a ética concibidas como ferramentas para o noso desenvolvemento político e social («Ningunha norma é eterna, e as que duran moito duran porque antes foron emendadas con frecuencia») e a esperanza nun proxecto suxestivo de vida en común alicerzado nunha nacionalidade histórica, a Baviera galega, ben inserida na realidade sociopolítica que a arrodeaba («España, las Españas, porque somos nación de naciones (no, a mi juicio, un mero Estado multinacional), tienen, una vez más, grandes desafíos para seguir siendo, en medio de las tempestades históricas, para dar fe de lo hispánico en Europa, en América, en todo el mundo»).
Lembro a miña mocidade política no, daquelas, Parlamento de Galicia. Os debates de altura intelectual fronte un Beiras no seu esplendor; o uso da ideoloxía coma un cadro da cosmovisión galega e non como unha arma destrutiva do adversario, e a dialéctica entre corpus de ideas distintos mais cun denominador común: a concepción de Galicia coma un fin en si mesma. Pola contra hoxe vivimos nun lamazal político no que a mediocridade campa como Atila en forma de ocorrencias, fume e o triste imperio dos spin doctors, e onde as Cámaras semellan o espello das nosas miserias.
Dez anos despois, na soidade do meu escritorio, repito as verbas escritas nunha noite de tristes lembranzas: «Os conservadores ficamos orfos e os galeguistas tolleitos. Sempre entre nós, sempre en Galicia: descanse vostede en paz, don Manuel Fraga Iribarne».