Brañas Folk inclúe unha cantiga de Santa María no seu novo traballo discográfico, titulado «Godaxe!»
OURENSE
A formación liderada por Manuel Brañas publica o seu cuarto álbum
19 feb 2022 . Actualizado a las 19:25 h.O grupo ourensán Brañas Folk xa conta co seu novo traballo discográfico. Godaxe! é o título do último proxecto da banda liderada polo músico e luthier Manuel Brañas e no mesmo inclúense doce temas, entre eles a peza Cantiga 215 Sta María. Con gran Razón, que fora presentada nun acto que se desenvolveu no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Xunto ao creador do grupo, a formación actual de Brañas Folk está composta por Ana Dosouto (voz), Leonardo Blanco (violín), Guillermo Brañas (acordeón), J. Antonio Blanco (guitarra), Olga Brañas (piano, pandeireta, bombo, bodrham e darbouka), Eduardo Balvís (baixo) e Aser Álvarez (batería e tamboril).
Godaxe! inclúe temas tradicionais, arranxados para a ocasión, unha peza de Olga Brañas e a Cantiga 215 de Sta María. As pezas do disco son, ademais da cantiga, a Xota de Moialde —do repertorio de Félix e Cástor Castro Vicente—, Tiroliro, Trullada da Castiñeira, Capitán Dunnes, Rumba de Escornabois, Alalá de Vilanova, Mega Reel, O pé das Burgas, Canto da vendima de Castrelo, Bailando a muiñeira e unha Alalá e alborada de José Castro, Chané.
Os arranxos das pezas foron realizados por Brañas Folk, Pancho Álvarez, Olga Brañas e Mar Gómez. Bailando a muiñeira, peza de Olga Brañas con texto de Pura Vázquez, foi o tema interpretado na Festa da Palabra celebrada na Insua dos Poetas no 2016, edición na que se homenaxeou ás irmás escritoras. Na gravación participaron como convidados Pancho Álvarez, Xavier Blanco, Orfeón Treixadura e Mar Gómez, entre outros.