Eva María Barrio, futura alcaldesa de Riós: «Este mesmo luns irei á Xunta a presentar un proxecto»

OURENSE

A concelleira do PP toma hoxe posesión do seu cargo tralo pleno de renuncia do rexedor durante 29 anos, Francisco Veiga Romero
23 abr 2022 . Actualizado a las 12:19 h.Ás 11.30 horas deste sábado, Francisco Armando Veiga Romero, o alcalde popular de Riós durante 29 anos, renunciará ó seu cargo no pleno. Media hora despois, será alcaldesa Eva María Barrio López, a número tres da súa lista. Iniciará o reto con ilusión e afirma que non pode haber nada máis honroso e digno que ser a alcaldesa do seu pobo.
—Como afronta esta responsabilidade?
—Foi algo decidido hai tempo. Cando mo propuxo o alcalde pendinlle uns días. Penseino ben porque non é unha decisión que se poda tomar á lixeira, xa que cambia á vida ó completo. Para min é un orgullo ser a alcaldesa do meu pobo, do meu concello. Non se me ocorre nada que sexa máis digno e honroso. Teño experiencia noutro cargo, como concelleira, e coñezo o funcionamento e ás persoas que traballan na casa consistorial, pero tentarei pórme ó día de todos os asuntos canto antes.
—Que fará o luns cando se sente por primeira vez na cadeira do despacho como alcaldesa?
—Este mesmo luns irei á Xunta para presentar un proxecto, concretamente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética de Recursos Naturais, de Industria, en Santiago. E agardo poder ter unha reunión co conselleiro.
—Cal é ese proxecto?
—Tiñamos concedido un pequeno parque eólico e agora queremos retomalo, recuperalo e poder amplialo. Pero para todo iso necesitamos axudas doutras administracións.
—Seguirá a senda e os proxectos que xa tiña sobre a mesa o seu antecesor?
—As liñas políticas e o proxecto seguirán sendo os mesmos. E el quedará na corporación como concelleiro.
—O alcalde saínte afirmou que tiña unha espiña cravada por non ter conseguido un parque empresarial. Será unha das súas prioridades?
—Tamén creo que é fundamental. Hai que retomar canto antes o proxecto e buscar financiamento para asentar a iniciativa privada en Riós. Estamos nun sitio estratéxico e temos que aproveitar todas as sinerxías, desde a conexión coa A-52, ata o AVE ou a nosa proximidade con Portugal. Fáltanos crer que podemos facer algo, creo que non valoramos o que temos. Hai que transmitir motivación e alegría, porque ou facemos iso ou morremos.
—A loita contra o despoboamento será un dos obxectivos.
—Ocorre en todo o rural. Os maiores problemas son o despoboamento e a dispersión. Hai que dar ilusión á xente moza e oportunidades para que se queden.
—Vostede é de Riós. Traballa aquí?
—Son funcionaria e traballo en Ourense. Non son o mellor exemplo do que debería ser, pero é o que é. Vivo entre a capital, Verín e a casa do pobo de Riós. Será un esforzo pero asúmoo.
—Non terá dedicación exclusiva nin cobrará nada do Concello.
—Non, seguirei co meu traballo. Tomouse a decisión por moitas cousas e eu creo que esta é a forma de facer política no século XXI. Vou tentar estar o máximo tempo posible no Concello para atender ós veciños.
—Dicía que o alcalde saínte quedará como concelleiro. Será un apoio.
—Nos primeiros tempos, seguro.