43 anos seguindo a Florencio

Aurelio Blanco Trincado FIRMA INVITADA

OURENSE

Florencio Delgado Gurriarán.
Florencio Delgado Gurriarán. Consello da Cultura Galega

09 may 2022 . Actualizado a las 14:24 h.

Na mesma data en que os membros da xestora asinaron a acta constituinte do Instituto de Estudios Valdeorreses ( 29 de novembro 1979), a xunta directiva tomou o acordo de aceptar como Membro de Mérito o poeta corgomés Florencio Manuel Delgado Gurriarán, asignándolle a letra «V» de Valdeorras. Habíase presentado unha terna que formaban, con Florencio, o dramaturgo Lauro Olmo Gallego e o avogado e escritos Valentín Paz Andrade. Dende aquela data, os membros da xunta directiva do IEV propuxéronse maiores honores para o poeta exiliado en México. Presidía a xunta rectora da asociación o militar e avogado Xosé Gayoso Díaz, amigo persoal e admirador da poesía de Florencio, persoa moi relacionada socialmente e con amizade íntima cos entón académicos Paz Andrade, Fernández del Riego e Ogando Vázquez.

Os tres académicos, conscientes da valía do poeta valdeorrés, non dubidaron en dirixirse á Academia para propoñer «ao inspirado poeta e patricio, insigne Florencio Delgado Gurriarán como académico non numerario, correspondente en México». Engadindo que era «un dos máis senlleiros representantes da nosa literatura nas anchas gándaras dos Estados Unidos de México».

As xestións do Instituto de Estudios Valdeorreses frutificaron nun 6 de setembro de 1981, no casino de O Barco de Valdeorras. O profesor Xulio Francisco Ogando Vázquez e o presidente da Xunta, Xosé Quiroga Suárez, en presenza do escritor Lauro Olmo, o artista Isaac Díaz Pardo e dous académicos máis, impóñenlle a medalla da academia a un emocionado Florencio Delgado Gurriarán quen, nese mesmo mes e pregoeiro das festas patronais e presenta o libro «Cantarenas», publicado por Edicións do Castro por iniciativa do Instituto de Estudios Valdeorreses. Durante os seguintes anos, o IEV non cesou de reivindicar o Día das Letras Galegas para o poeta. Desexaba darlle a Florencio Delgado Gurriarán tan xusto recoñecemento. Pero, entendendo que sería máis doado sumando forzas, o Instituto de Estudios Valdeorreses integrouse no movemento «As Letras de Florencio», xunto cos concellos e outras asociacións culturais da comarca.

E o fin conseguise, entre todos, que o ano 2022 fora declarado «O ano de Florencio Delgado Gurriarán» que, sen dúbida, será «O ano de Valdeorras». Estamos ante un soño cumprido.

Aurelio B. Trincado é presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses.