
A revista do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo reivindica ao poeta valdeorrés
11 may 2022 . Actualizado a las 14:36 h.O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo dedica traidicionalmente un dos seus números anuais á figura da persoa que protagoniza o Día das Letras Galegas. E este martes presentouse na Deputación de Ourense o volume que se centra en Florencio Delgado Gurriarán. O compromiso do de Córgomo coa lingua e co galeguismo, o seu traballo no exilio mexicano como dinamizador cultural e promotor de publicacións como «Saudade» e «Vieiros» xunto a outros galegos en México —como Carlos Velo ou Luis Soto—, a vixencia da súa obra e mesmo materiais para empregar no ensino son parte dos contidos desta nova entrega de «Raigame», que foi coordinada por Ricardo Gurriarán e Gustavo Docampo.
A publicación foi presentada onte por José Manuel Baltar, presidente da Deputación; Xavier Álvarez, secretario da revista, e Aurelio Gómez Villar, asesor de Cultura da institución. O volume recolle colaboracións de profesores, escritores, ilustradores e deseñadores coma Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Lito Caraméns, Anxo Baranga, Eva Piay e Celia Rey. Tamén se reeditan artigos de Ricardo Gurriarán e Miro Villar publicados en anteriores números da revista, cando se comezara a reivindicar a figura de Florencio Delgado como merecedor das Letras Galegas.
Os textos afondan tanto na vida como na obra do poeta valdeorrés e estúdanse as súas publicacións, nas cales destaca o seu amor pola súa terra, a paisaxe, a xente, os costumes e a vida da comarca de Valdeorras. Outro bloque céntranse na súa biografía, o seu compromiso socio-político, a súa militancia no Partido Galeguista, a participación na Guerra Civil e a súa actividade como promotor cultural no exilio.
A revista vai acompañada dunha unidade didáctica realizada polos profesores Séchu Sende e Patricia Calviño, orientada a dar a coñecer ao escritor entre os estudantes de Bacharelato e a ESO.