O IES Chamoso Lamas recupera a memoria do río Arenteiro a través dos muíños e da testemuña dos antigos propietarios

La Voz

OURENSE

Santi M. Amil

O instituto do Carballiño levará a mostra ao Auditorio Manuel María e aos comercios da vila

21 jun 2022 . Actualizado a las 13:11 h.

Ata mediados de xullo • IES Chamoso Lamas, Auditorio e comercios do Carballiño • Nas instalacións do Chamoso Lamas contan cun novo proxecto expositivo. Como aconteceu coa última proposta —centrada na historia da luz eléctrica na comarca— a mostra está aberta ao público. Desta volta terá ademais tres fases ben diferenciadas: estes días pode visitarse no centro, do 27 ao 30 de xuño estará no Auditorio Manuel María e logo pasará quince días en dez comercios da vila. «Memoria viva do río Arenteiro» é un achegamento á historia e realidade das actividades vencelladas ao río ao través dos seus muíños ou de espazos singulares xunto ao mesmo, como é o caso da Piscifactoría ou a canle de cría de troitas. Nos dez paneis que compoñen a mostra o protagonismo recae no Muíño do Anxo, a fábrica de papel e os muíños do Filomeno, a Piscifactoría do Carballiño, o serradoiro e muíño da Amelia na Ponte Veiga, o do Cuco, a canle de alevinaxe da Sociedade de Pesca Deportiva Arenteiro, o desaparecido muíño e o actual lavadoiro de Toscaña, o das Lousas e o do Hermenexildo. Nos dez paneis —cada un deles poderase ver en xullo nun comercio— recóllese unha pequena historia dos lugares, as súas características, actividade e a testemuña das persoas que viviron neles —nalgún dos casos— ou que lembran os espazos da memoria por ter relación familiar cos propietarios dos mesmos. A mostra enmárcase na actividade «Fotografía en curso».