Un libro do ciclo do pan rescata a memoria das aldeas do Xurés

Montse Carneiro OURENSE

OURENSE

O xornalista Antonio López Mariño e o fotógrafo José Caruncho presentaron a obra nunha vizosa Fornada en Puxedo

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Duascentas persoas convidadas polos veciños na praza de San Antonio de Puxedo, en Lobios aldea de setenta almas, reviviron onte a celebración da vida que a terra brindaba cada ano coa primeira fornada de pan do verán. A reunión tivo máis de fiadeiro de contos que de «ir mirarlle o pé á vaca», mensaxe en clave coa que os homes que ían á sega ao xornal recibían o sinal do compinche para abandonar o choio e marchar secretamente ao bar. Non sendo para os membros da asociación que sostén o reverdecer da aldea, Xuvemprende, e para os autores do libro que se presentou, un novo valedor da memoria do Xurés, foi día de festa total.

Hai cincuenta anos os veciños de Puxedo venderon a pedra do forno comunal para pagar a pólvora coa que abriron a estrada de Lobios. Empezáranse a construír fornos particulares, e a aldea do pan, que tiña grao para manter 28 canastros, oito muíños e catro eiras de mallar, botou man do que puido para acabar cos lameiros da pista que levaba á vila. Aquela perda forzosa emendouse andados 40 anos. A primeiros de abril do 2015, os veciños acenderon nunha corte un novo forno comunitario para volver cocer xuntos as bicas. Xa restauraran o retablo da capela de san Antonio con 9.000 euros que puxeran máis unha axuda da Deputación, e axiña seguiron co peto de ánimas, os cruceiros, canastros e camiños. Guiados por un par de asociacións sensibles e atentas ás subvencións, foron amañando a aldea mentres o ciclo agrícola do pan, perdido en 1986 coa función da última malladora, recuperaba o centro de Puxedo, agora como patrimonio a cultivar e protexer nun museo inaugurado á intemperie.

As pinturas xigantes do artista urbano Mon Devane recreando sobre muros de bloques os labores do trigo e o centeo recibiron onte aos visitantes, vindos de todo o país pola estrada de Lobios. Na vangarda, Antonio López Mariño e José Caruncho, xornalista e fotógrafo coruñeses, 25 anos cos pés no Xurés e autores de dous libros publicados polo pequeno selo Picós, consagrado á divulgación do patrimonio material e inmaterial da serra ourensana.

Despois do éxito editorial de A Cela. Vivir na aldea dos bolos, Caruncho e López sacaron do forno Puxedo, o lugar do pan, traballo de anos e moitas horas compartidas cos veciños para reconstruír as cinco faenas do pan (sementeira, seitura, malla, moenda e fornada) que organizaron o pobo durante centos de anos e nas que levedaron todos os saberes.

«De que estaba amasada, faguíaslle unha cruz, gardábala nun cesto de costelas de salgueiro, tapada por baixo e por riba cunha saba de lenzo branco, e cubrías cunha manturra feita de estopa e tiras de trapos. E, durante dúas horas, a masa levedaba e levedaba, que parecía quería botar por fóra do cesto!», lembra unha muller de cando se cocía pan para 21 días. Na seitura, elas segaban e eles ataban. «En Maus de Salas, traballando de sol a sol, cobrabas 30 pesetas diarias por segar, e 35, por atar», conta un home no libro.

No fiadeiro, organizado polas mozas para ver de mocear con algún, «con que houbese unha pandeireta a xente arrancaba a cantar coplas de desafío», recolle López Mariño. O de onte imitoulle. Despois dun obradoiro para os pequenos no forno comunal, o xantar na praza con polbo e pan de Puxedo, e a entrega do libro, a festa rematou coas cantareiras Icía e Manuela e os contos de Celso F. Sanmartín.