Raquel Queizás, narradora: «Nótase que o FIC fano xente que ama o cine»

María Doallo Freire
M. Doallo OURENSE

OURENSE

Raquel Queizás
Raquel Queizás CEDIDA

A contacontos estará presente na programación do Festival de Curtas de Verín que comeza este martes

30 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova edición do Festival de Curtas de Verín arrinca este martes na capital do Támega. Este ano, o FIC Vía XIV ten preparada unha ampla programación paralela á proxección de curtas. Nela están os contacontos sobre cinema que relatará a actriz e filóloga, natural da aldea de Queirugás, Raquel Queizás. Haberá dúas sesións o xoves e dúas o venres, de 10.00 a 11.30 e de 12.00 a 13.30 horas.

—Como entra en contacto con esta profesión?

—Pois vén desde pequena. Crieime cos meus avós na aldea, porque os meus pais marcharon para Suíza. A miña avoa tiña moitísimas virtudes entre elas a de contar historias. Sempre me dicía que non eran contos, que eran verdades. Así que tiven antes lendas, mitoloxía e superstición na cabeza que as materias que aprendiamos nos libros. Iso fíxome estar sempre cun pe aquí e outro máis alá. Quizá esa maneira de ensoñar foi a que me provocou a paixón por contar historias.

—Hoxe en día é un dos nomes que máis se repite no calendario cultural galego. Como foi esa evolución e agora chegar ó FIC de Verín?

—Penso que é o boca a boca. Chámanme de colexios, de Concello, de editoriais... e para min é unha sorte enorme ter tanto traballo. Son unha gran apaixonada do cinema, de cativa devoraba as películas da TVE2 en branco e negro e de aí xurdiu mesturar as dúas cousas. Propuxéronme ser a presentadora da segunda edición e encantoume a idea, pero pedinlles que me deixaran contarlles a historia do cine aos rapaces e aceptaron. Desfruto moito porque adoro aos nenos e durante toda a pandemia estrañeinos moito.

—Presenta «Sopa Cómica». De que van desfrutar os rapaces nesta ocasión?

—É un proxecto que xa estaba listo xusto antes da pandemia. Penso que non hai un mellor momento para tomarse unha sopa cómica porque a risa é moi necesaria. Imos trasladarnos aos felices anos vinte, a etapa na que xurdiu o cine de humor. Chameino así porque a maioría dos cómicos daquel momento eran pobres e metéranse nesto do humor e da actuación para ter que comer. A maioría alimentábase a base de sopas, que quentan o alma. Escollín o cine de humor porque provoca risa pero tamén fai pensar. Imos recorrer a historia deses cómicas e cómicas, moito menos coñecidas, e ver como chegaron a converterse en quen son.

—E que se sinte ao volver a casa?

—Estou moi feliz. Levo tempo xa vivindo en Pontevedra pero a min a terriña tírame moitísimo, sempre que podo fago o que sexa por volver. Ademais fágoo con todo o cariño da rapazada e é unha ledicia. Eu tiven a sorte de estudar no colexio María Inmaculada e recordo perfectamente cando as monxas nos levaban ao cine Buenos Aires. Recordo perfectamente de ver as películas dos irmáns Marx sentada no galiñeiro coas miñas compañeiras. Iso marcoume e gustaríame que os nenos volvesen desfrutar do cine, pór o meu grao de area. O FIC de Verín faime moitísima ilusión, estou orgullosa dunha iniciativa coma esta, a verdade, que se nota que a fan persoas que aman o cine por enriba de todo.