Fila 14

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A xullo deste ano, no mapa de cotizantes por pensionista, fomos os últimos da fila. Cero coma noventa e sete, cando para ser sostible se precisan alomenos dous cotizantes. ¿É Ourense o inferno dunha traxedia grega, ou trátase dunha acción continuada no tempo de insolvencia e mala fe?

Nas traxedias nada escapa ao destino. Así foron escritas para aleccionar aos primeiros demócratas, aqueles políticos que tiñan que asistir ao teatro mesturados cas veciñas mentres o coro facía burla deles pola súa falta de ética e de capacidade.

Ourense e Almería son as provincias coa media de pensións máis baixas do Estado e nas que hai que traballar máis anos. O Ourense-Almería trazado por Valente, a quen me achego con medo a descubrir unhas palabras que furen na alma. Valente marchou coa sensación de fuxir da rateira e só volve a enterrar ao seu fillo como quen non ten máis patria que unha terra de lousas insensibles á dor. E sendo os últimos da ringleira, o que nos preocupa. O que realmente nos quita o sono é ser ubicado nunha fila 14. As personaxes tráxicas, as egoístas e vaidosas, sempre acaban rematadamente mal.

¿Que futuro agarda a unha provincia con 0,97 cotizantes por pensionista? Se a resposta é mirar cara o pazo provincial, os miles de millóns xestionados de forma insolvente por décadas só serviron para ser autofagocitados pola estrutura clientelar, polo que non é só incompetencia senón tamén mala praxe. Nunha provincia insolvente, introduzo agora o termo decrecemento, ouvido a Carlos Taibo nun faladoiro na cidade anos atrás, animounos, díxonos que eramos a vangarda, o que virá.

Na traxedia de Casandra de ver un futuro, contalo, e que ninguén o crea, vive unha parte da cidadanía da provincia, sabendo que fomos administrados con falta de aptitude, recoñecendo a inhabilidade do resto da veciñanza para facer que nos crean aínda cos números impresos.

Dende a fila 14, eu podo facer coma Edipo, non mirar os erros que fun cometendo, e se algún deles mancaron aos deuses, e por iso a miña xeración ten que penar por esta provincia sen máis espera que a de alongarse para permanecer en cinza, arrancarme os ollos.

Tamén dende a fila 14 podo levantarme e berrar contra unha acción continuada de insolvencia e mala fe, aínda que os deuses que nos gobernan poñan cera nas orellas.