Hai unha ducia de anos que a Xunta de Galicia adxudicaba a unha das consultoras de moda do momento o Plan estratéxico Ourense 2010-2015. Lémbrolles ás lectoras deste argumentario o terceto de Deloitte, aquela serie de «accións concretas para potenciar ou implantar sectores de actividade na provincia» e polo que pagamos 200.000 euros. Tres medidas que ben se poderían resumir en man de obra barata e serva, e aforrábamos o resto do Plan. Pero comeza a escoitarse do proletariado do metal, denantes mortos que escravos. Que as principais forzas sindicais da provincia se unan nunha resposta común tamén é de agradecer cando a tradición foi ir cada un pola súa razón. Se a negociación acada o acordo, o reforzo á unidade obreira marca un fito para o resto de loitas laborais. Podo dicir que coñezo algún que outro traballo do metal, as persoas traballadoras sometidas sempre a un alto índice de siniestralidade laboral, deben ter unha pericia acorde á maquinaria que manipulan, cada vez máis sofisticada, que require unha especialización que hai que pagar. O obreiro ourensán vai andando, expresión cotiá, cando un non para máis aló do estrito da lei para comer o bocadillo, e voando, que hai que roer.
A mansedume foi a única oportunidade que tivemos na provincia para ter un desenvolvemento económico, chegados a este punto, cal é o plan agora para provincia, con niveis de IPC semellantes ao resto do Estado e nivel salarial inferior á media? O ditado da consultora mete nunha trampa ás traballadoras e traballadores, que hoxe xa reforza a patronal co anuncio de peches e despedimentos. A Xunta daquel Feijoo condenaba cunha análise DAFO (Debilidades-Ameazas-Fortalezas-Oportunidades) a Ourense a vivir no lumpen. Naqueles anos nin houbo contestación nin rifa. Na dinámica actual xa non se pode tolerar que a provincia sexa chuchada polos mesmos de fai dez anos, de fai vinte, trinta, corenta, cincuenta e sesenta anos.
Agora os salarios baixos xunto coa carestía da vida aumentan o número de traballadores pobres da provincia, e aínda os custos enerxéticos reais non estean trasladados ás contas correntes grazas ás medidas propostas polo Estado.
Que se propoña como mediadora á Xunta, que foi redactora de tantos e tantos plans estratéxicos, e sen unha política industrial contrastada, deixa ao siderometal ourensán fundido.