Un grupo de rock galego ao 100 %

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Adrián, Miguel e Alberte son o grupo de rock galego Grilo.
Adrián, Miguel e Alberte son o grupo de rock galego Grilo. MIGUEL VILLAR

Os músicos ourensáns Miguel Varela e Adrián Gómez súmanse ao pontevedrés Alberte Fernández para dar vida a Grilo

16 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os músicos Miguel Varela, Adrián Gómez e Alberte Fernández forman o grupo de rock en galego Grilo. Adrián, natural de O Barco de Valdeorras e mestre en Santiago, é o vocalista e guitarrista da banda. Miguel, ourensán, bombeiro en O Carballiño e residente en Santiago, é o batería. E Alberte, mestre en Pontevedra aínda que nado en Barro, é o baixista da agrupación. «Adri e máis eu coñecímonos a través dun amigo en común e dende o primeiro momento encaixamos ben. Tocabamos xuntos por diversión, sen ningunha expectativa, pero logo sumouse Alberte e todo foi encaixando para formar un grupo», explica Miguel. Entón, a finais do 2018, deron vida a Grilo. «O nome gustounos dende o principio. É unha palabra galega que soa ben e ademais son animais que sempre cantan pola noite e transmiten boa onda», admite Adrián. O que fan estes tres músicos é una mestura de rock con varios estilos afíns coma o punk ou o metal. Maioritariamente tocan composicións propias pero tamén se atreven coas versións e non de grupos sinxelos, senón de temas de Nirvana ou Boicot. Pero fagan o que fagan, sempre en galego. «É verdade que o rock non parece estar no seu mellor momento. Agora parece que o que se leva é o regatón e o trap. Despois en galego, hai máis circuíto para a música tradicional, de raíz, pero nós facemos o que nos gusta e nos enche. E penso que en Galicia aínda somos moitas as bandas deste estilo e nesta lingua, que estamos intentando que o noso ritmo non deixe de latexar», explica Miguel. O grupo acaba de tocar en Ourense, concretamente no Auriense, e o 17 de decembro subirase ao escenario do Buril, en Sarria. «Démoslle unha volta ao repertorio porque sempre tentamos dar forma a novas ideas, probando cousas dentro do son definido da banda... Se non é unha letra, estamos mesturando nunha canción, ou nun son novo. Somos así», remata o vocalista desta banda na que todos comparten o amor pola música. «É unha paixón profesionalizada», engade. E recomenda escoitar Criminal a todos aqueles que aínda non os coñezan.