Eles cultivan a festa en Galicia

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Jorge, Martín, Iago, Nacho e Milocho son hoxe os Festicultores
Jorge, Martín, Iago, Nacho e Milocho son hoxe os Festicultores Sandra Alonso

Os Festicultores levan máis de quince anos plantando charangas alá por onde pasan

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao limiao Milocho Oro a música venlle de familia. «Na miña casa, o meu avó tocaba a guitarra sempre en cada celebración. Lémbroo perfectamente polo Nadal e tamén na festa da Saínza. Reuníase cos seus amigos e co meu tío Alfonso e facían tocatas interminables polos prados. Creaban unhas festas boísimas, poñían a toda a xente ao seu redor, e foi aí, véndoos de cativo, cando me entrou o gusanillo de chegar algún día a facer algo parecido», explica. De potenciar esa fascinación encargouse a súa nai, que viu nel un talento e meteuno no Conservatorio de Ourense dende cativo. «Con sete aniños xa facía solfexo e logo pasei a piano», admite. Despois diso, fanático de Los Suaves como é, recibiu clases dos guitarristas Alberto Cereijo e Fernando Calvo. Fundou o grupo de punk Asamblea de Majaras en Xinzo con só 13 anos; logo entrou en Los Checos, unha banda tamén limiá, con 15; e xa cando lle tocou escoller carreira, Milocho optou por Magisterio Musical. «Ao mesmo tempo que estudaba, rexentaba unha sala de concertos en Xinzo, Saraba, á que traiamos grupos de toda Galicia, e aí dinme de conta que me encantaba a xestión cultural, ademais de tocar, claro», admite.

No 2003, apoiado polos alaricanos Xurxo Seara e Miguel Rumbao, montou unha empresa de xestión de eventos e puxeron en marcha o festival Reperkusión en Allariz e logo marcharon de xira co Trópico de Grelos. Con todo o aprendido no 2005 os tres deron vida ao proxecto máis divertido que levaron a cabo: os Festicultores. Neste proxecto a estética é unha mestura do punkarra co rocambolesco e colorista, os valores idealistas poderían explicarse na película Noviembre e o espírito festeiro non ten fin. «Todo comezou nese entroido, cando me disfracei de cabra que toca o teclado, querendo facer unha broma do típico xitano que vai polas festas. Compuxen cinco temas e iamos varios interpretándoos pola rúa. Gustou tantísimo que decidimos montar a banda», recorda. ¿Como describir aos Festicultores? «Somos cultivadores de festas e realmente o que nos gusta e crear unha troula que sexa participativa, hiperactiva e aditiva, por iso sempre buscamos a interacción co público. A idea era centrarnos na música balcánica, enfocarnos sempre na rúa, na xente, e que a estética recordase ás películas de Emir Kusturica», engade Milocho. Daquela o grupo completábano Antón Brincas, Tonichi Feijoo, Xurxo Troncoso ou Martín Nogueira, entre outros. Antes de tocar por primeira vez xa tiñan varios concertos contratados. «Recordo que as dúas primeiras actuacións foron nas festas de Ourense e a cousa foi tan grande que tivemos que repetir o repertorio tres veces, xuntamos a catrocentas persoas ao noso redor na rúa. Foi alucinante, incrible», di con orgullo. Festicultores foi unha das primeiras charangas que tocaba con amplificadores e iso notábase moito na posta en escena.

Levan máis de quince anos recorrendo os pobos de Galicia coa súa música e os seus traxes peculiares, enchéndoa de alegría e enerxía en cada concerto que dan. Hoxe en día os Festicultores son de varias provincias. O capitán sigue sendo Milocho, de A Limia, e a el séguenlle tres composteláns, Jorge Álvarez, Iago Sayáns e Nacho Rozas e o estradense Martín Nogueira. «Comezamos a temporada no entroido e solemos ter unha ou dúas actuacións cada fin de semana ata que chega o verán, que aí o ritmo pásase tamén aos días da semana. Facemos uns setenta bolos ao ano», comenta o músico limiao. En temporada baixa, cando vai frío, a maioría dos Festicultores son mestres de música. Milocho adícase máis á xestión cultural. «Acabo de organizar a última xira de Manu Chao en España, pero xa lle teño pechado varias por Latinoamérica», afirma.

¿Que soño lle queda a Festicultores? «Gustaríanos xirar por Europa, o problema é que dun ano para outro quédannos moitas datas reservadas e non atopamos o momento de exportar a festicultura. Neste grupo xa cumplimos moitos soños coma telonear a Manu Chao en Bayona (Francia) ou tocar no festival de Emir Kusturica, Küstendorf, en Serbia invitados polo propio artista. Somos moi felices con todo o que facemos», termina.