«A Virxe de Portovello» de Tanxugueiras e Rozalén, nada que ver coa letra orixinal
OURENSE

O vicepresidente da Coral de Ruada analiza a última adaptación da obra firmada polo músico ourensán Manuel de Dios
25 nov 2022 . Actualizado a las 19:29 h.Alguén imaxina unha versión de Lela de Castelao e Rosendo Mato ou de Negra sombra de Rosalía de Castro e Xoán Montes -por poñer soamente dous exemplos- nas que, ademais de notables variacións musicais, non se respectara a letra? Seguro que non. Pois iso acaba de pasar cunha gravación de A Virxe do Portovello a cargo de Tanxugueiras e Rozalén. Identifícase claramente a melodía (agás un engadido a modo de introdución), pero as letras non teñen nada que ver coas orixinais escritas, como a música, polo ourensán Manuel de Dios. Pero non é este o único caso. Hai tres anos, o grupo vigués Airiños do Mar de Teis, no seu traballo titulado Terras Irmás empregou esta mesma cantiga cunha letra, coma no caso anterior, totalmente distinta. De feito ata cambiaron o título, que pasou a ser O meu Vigo mariñeiro. Con un par!
As tres letras orixinais de A Virxe do Portovello son:
«A Virxe do Portovello / ten unha barca aos seus pés / e has pasar pola barquiña / se vas a Vilar de Astrés».
«A Virxe do Portovello / cariña de caravel / lévanlle as pombas no pico ramalliños de laurel».
«En Peliquín fun solteiro / e na Lonia namorei / pasei polo Portovello / e fun casar a Gustei».
O retrouso, que se canta ao remate de cada estrofa, di:
«Polo río abaixo vai meu amor / polo río abaixo vai o meu ben / polo río abaixo vai a barquiña / pola beiriña da vía do tren».
Fala, do río Miño, da capela da Virxe do Portovello onde actualmente está o barrio das Lagoas, en Ourense, da barca que había para pasar o río, de Vilar de Astrés, de Gustei... Nada que ver, como se pode apreciar, co mar, coas rías, cos mariñeiros que veñen de pescar, coas lanchas, co Castro, con A Guía, con Vigo... E, por certo, a Virxe do Portovello non chora por ninguén. Por suposto, en ningún destes dous casos mencionados se informa de que tanto a música como a letra teñen autor: Manuel de Dios.
Non entro a valorar o resultado final e o valor musical desas dúas versións. Cada un poderá valoralos por si mesmo ao escoitalas. O que boto de menos é o respecto e o recoñecemento á figura do autor da letra e da música desta cantiga tan querida polos ourensáns. A primeira gravación de A Virxe do Portovello realizouna a Coral De Ruada en 1989, cando Manuel de Dios era o seu director. Forma parte do elepé Ourense ao lonxe, gravado nos estudos de Sonoland en Madrid e editada pola tristemente desaparecida Caixa Ourense. En el 2016 a Coral De Ruada edita o cedé De Ruada entre Amigos (Arteficción) que, coma o título indica contaba con relevantes colaboracións (Luar Na Lubre, Milladoiro, Treixadura, Os Melidaos, Brañas Folk, Gomes Mouro, Andrew Cronshaw, Tigran Aleksanyan, Cristina Pato...).
Precisamente Cristina colaborou coa gaita na introdución de A Virxe do Portovello. Posteriormente, en 1999, Arco da Vella -o grupo folk de Manuel Brañas anterior ao actual Brañas Folk- gravou A Virxe do Portovello (Sons Galiza) con Marisol Blanco como voz solista.
No 2000, o grupo Vellos Amigos -dirixido por Manuel de Dios, que xa abandonara De Ruada- editou o traballo titulado Ourense no solpor (Furelos), no que aparece A Virxe do Portovello encabezando unha lista de 14 cantigas. Dez anos máis tarde, editan un novo traballo titulado Manuel de Dios: un tempo, un río, un cantar (Zouma Records) no que tamén aparece A Virxe do Portovello. Nin que dicir ten que tanto a Coral De Ruada, como Vellos Amigos e Arco da Vella (agora Brañas Folk), respectaron sempre a letra e a música composta por Manuel De Dios e así o fan constar nas súas gravacións e programas das actuacións. Como debe ser.
Emilio Portabales é vicepresidente da Coral de Ruada, agrupación que durante anos dirixiu o músico Manuel de Dios