Melania Cruz: «María Casares foi marxinada por ser muller e por non renegar dos ideais republicanos»

x. m. r.

OURENSE

cedida

A actriz e Vadim Yuknevich representan no Teatro Principal «Continente María»

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Recén chegada de París, a cidade que viu como aquela rapaza galega exiliada se convertía nunha actriz de prestixio internacional, Melania Cruz destaca os afectos e o cariño co que foi acollida a representación de «Continente María». A montaxe baseada no texto de Marianella Morena e dirixida por Tito Asorey chegará o domingo, día 11, ao Teatro Principal de Ourense (19.00 horas). Sobre o escenario unha actriz e un músico, Melania Cruz e Vadim Yuknevich, para lembrar a María Casares nun diálogo a xeito de viaxe polo seu universo, os sentimentos e as lembranzas.

—Como foi a experiencia de representar «Continente María» en París.

—Moi boa. Contamos cun público formado por xente moi conectada coa súa figura, maioritariamente españois ou fillos de españois, e que logo quedaron alí connosco para comentar diferentes aspectos da obra. Representamos o día 3 e foi unha experiencia moi emocionante.

—O centenario dá outra dimensión aos proxectos?

—No noso caso é unha só unha coincidencia. Levabamos tempo querendo facer algo sobre ela. Hai xa anos, no 2007, que María Lopo me propuxera facer algo co seu texto «O meu nome é María Casares», o que pasa é que se foron metendo proxectos polo medio e non acabamos de ir materializando a proposta. Logo xa foi cando apareceu Marianella Morena e finalmente botamos a andar o proxecto. Pero foi mera coincidencia, non foi buscado.

—Que vai atopar o espectador que se achegue ao Principal?

—Unha montaxe na que se ofrece un diálogo entre nós e diferentes aspectos da vida de María Casares, simbolizada como actriz e como persoa. Sobre todo como esa muller que aproveita o exilio para refacerse a si mesma e vencer todas as dificultades para se converter nunha gran actriz de teatro e cinema.

—Xavier Villaverde dixo na presentación do seu documental sobre a actriz que era incomprensible que Galicia non tivera un teatro co seu nome.

—É algo que non se entende. Hai un centro educativo en Oleiros e a casa na súa cidade. María Casares, unha das grandes actrices do pasado século, non recibiu a consideración que se merece por ser muller, filla de Casares Quiroga e por non renegar nunca dos seus ideais republicanos. Houbo no seu día unha iniciativa para darlle o seu nome ao Teatro Colón da Coruña, pero botárona abaixo. Incomprensible. Reivindicar a unha figura que foi mundialmente coñecida é o mínimo que se pode facer.

—O diálogo da música e a palabra reforza o achegamento?

—A música e o texto crean un espazo sonoro axeitado para facer este tránsito pola súa vida. Escollemos música da súa época para esta viaxe ao seu universo e tamén ás chiscadelas que lle facía a Galicia en determinadas declaracións ou entrevistas.

Vadim Yukhnevich é un multiinstrumentistas xenial e de aí a conexión que hai en escena nesta montaxe.