Bieito Romero: «Contaremos con colaboracións para o novo disco, algunhas serán unha sorpresa»

x. m. r.

OURENSE

Concerto de Luar na Lubre, con Bieito Romero á gaita
Concerto de Luar na Lubre, con Bieito Romero á gaita Toni Seguido

Luar na Lubre ofrece este venres, no Teatro Principal, o primeiro dos concertos da xira deste ano

12 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2017 Luar na Lubre gravou o seu traballo sobre a Ribeira Sacra. Unha volta ás orixes para o seu líder, un Bieito Romero con raiceiras familiares en Xunqueira de Espadanedo —«dos cacharreiros de Niñodaguia», precisa— e Esgos. Foi daquela cando naceu, entre cousa seria e chiscadela, o compromiso de facer o primeiro concerto das xiras en Ourense. E nesa estamos. O venres día 13, ás 21.00 horas, Luar na Lubre ofrecerá no Teatro Principal a que será a primeira actuación dun ano que se presenta cheo de concertos por varios países. Xunto a Bieito Romero forman a banda Irma Macías, Nuria Naya, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro, Xan Cerqueiro e Brais Maceiras. Os temas do seu novo disco, o número vinte, centrarán a actuación.

—Sinalan que podería ser o derradeiro disco físico. É así?

—Non é algo definitivo pero podería ser. O panorama musical mudou radicalmente dun tempo a esta parte e xa se venden doutra maneira, nin tendas quedan xa —poucas— onde podas mercalo fisicamente. Hai menos espazos para este tipo de formatos e agora o disco xa case é como unha carta de presentación para os concertos. Seguiremos creando discos, iso non ten dúbida, pero ao mellor non en formato físico.

—Como é que non fixeron un libro-disco ata o de agora?

—Porque nunca nos deu por aí, non hai outra explicación. Nunha banda que leva gravados vinte discos, con este, e cunha traxectoria de 36 ou 37 anos sempre sobran pretextos para facelo. E si que editamos concertos en directo, deuvedés e cousas polo estilo, mais nunca nos dera por facelo. E desta volta apetecíanos crear un libro-disco para que se poda ter na biblioteca como un libro, que tamén ten un disco, e ver as imaxes sen ter que andar queimando os ollos porque son moi pequenas. Dito o cal tamén hai que lembrar que os nosos traballos sempre levaron o seu correspondente libreto.

—Como fixeron a selección dos títulos para o proxecto?

—O 95 % dos temas deste disco, que gravaremos en febreiro, son pezas dos nosos traballos anteriores. Mais non se trata dos temas máis coñecidos ou de maior popularidade. Apostamos por facer un recompilatorio de cancións interesantes dentro da nosa traxectoria e esa escolma figurará no disco dende unha perspectiva actual, cos novos membros e con colaboracións. Algunhas serán coñecidas e tamén haberá colaboradores sorpresa.

—Logo do concerto comezan a xira. Como se presenta o ano?

—De aí iremos a Barranda, unha localidade de Murcia cun dos mellores museos de música étnica, e logo volveremos para gravar. E logo temos citas en Cabo Verde, Uruguay, Axentina, Chile e varios países de Europa. Será un ano de moito traballo este 2023.