O intérprete ourensá dirixe a obra «Unha inimiga do pobo», que estará este sábado no Teatro Principal
23 mar 2023 . Actualizado a las 11:38 h.O Teatro Principal de Ourense remata a programación prevista para o mes de marzo cunha obra da compañía Talía. Este sábado o espazo cultural acollerá a representación de «Unha inimiga do pobo», un texto do dramaturgo Henrik Ibsen, adaptado Vanesa Sotelo e polo intérprete ourensán Tito Asorey, que neste caso está tamén na dirección. A función conta cun elenco coral composto por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordoñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala. A cita será ás 20.00 horas e as entradas poden comprarse, a un prezo de entre 10 e 15 euros, na web de Ataquilla.
—Como xurdiu o proxecto?
—Foi unha proposta que me fixo Artur Trillo, director de Talía Teatro, e para min é un regalo porque tiña moitas ganas de traballar con eles, un equipo con tanta traxectoria. Démonos un prazo para pensar que se nos ocorría montar. Cando nos xuntamos, no Nadal do ano pasado, propúxenlle «Un inimigo do pobo» de Ibsen e xusto el pensara a mesma. Anda que non hai pezas de teatro no mundo para coincidir nunha, así que non tivemos dúbida. É un clásico da literatura dramática e penso que é por algo. Parece que está a falar do noso mundo actual, cando está escrita en 1882.
—É unha peza moi reivindicativa. Como foi adaptala?
—Quixemos achegala á nosa Galicia contemporánea e darlle un toque feminino, un cambio de xénero do protagonista interpretado por unha estupenda Marta Lado. Foi moi interesante. Na peza orixinal Ibsen xa coloca toda a temática reivindicativa. Pon aos medios de comunicación como manipuladores dunha opinión pública dunha sociedade que se deixa manipular porque prefire uns intereses. Fala dun pobo que vive dun balneario e un médico, no noso caso unha médica, que descubre que as augas son nocivas para a saúde. Ante a súa denuncia, tanto os políticos como os medios de comunicación levan a cabo unha campaña para desprestixialo.
—Que tal está sendo a acollida do público?
—Por agora está sendo espectacular. O elenco moi numeroso e temos unha escenografía moi potente de Dani Trillo. Creo que é unha peza de grande formato, tanto na forma como no fondo, no que conta. O texto orixinal de Ibsen da para moito debate, pero a versión que lle fixemos Vanesa e máis eu redunda nesa conversa posterior e trata de indagar na pregunta de que facer cando a nosa voz está silenciada, cando temos a razón pero non temos o poder. Propomos un final bastante alternativo de feito.
—O sábado a obra vén a súa casa pero ti non...
—Non podo ir porque xusto estreo outra obra, «Códice K» en Santiago de Compostela, pero estarei en alma porque é a miña cidade e encantaríame poder ir. Agardo que se encha o teatro que aos meus veciños de Ourense lles guste porque é unha peza da que eu estou súper orgulloso.
—Fálenos de «Códice K».
—É unha comedia escrita por Manuel Cortés sobre o roubo do Códice Calixtino, que fai agora unha década que tivo lugar. Na nosa teima de facer un teatro apegado a historia do noso país, como xa fixemos con «Fariña», seguimos agora falando de como en Galicia moitas veces non somos conscientes de todo o que temos ata que o perdemos.
—Leva un par de anos centrado na súa faceta como director de teatro. Que pasa coa de actor?
—Coincidiu así porque fun encadeando proxectos que rematan agora co «Códice K». Foron moitas obras marabillosas e agora quero descansar un pouquiño desa etapa e volver eu a subirme aos escenarios e as rodaxes.