A adaptación teatral de «O porco de pé», premiada con tres María Casares

La Voz OURENSE

OURENSE

Imaxe da estrea de «O porco de pé» no Teatro Principal de Ourense
Imaxe da estrea de «O porco de pé» no Teatro Principal de Ourense MIGUEL VILLAR

Producións Teatrais Excéntricas levou a obra de Vicente Risco aos escenarios

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os premios María Casares de teatro galego tiveron na compañía A Panadaría e a súa montaxe «As que limpan» as súas principais protagonistas. Catro galardóns recolleron as actrices do grupo: os de mellor espectáculo, mellor actriz protagonista (Noelia Castro), mellor dirección e texto orixinal.

A gala anual do teatro galego, celebrada no Rosalía de Castro de A Coruña, tamén tivo un destacado protagonismo ourensán, xa que a montaxe «O porco de pé» fíxose con tres dos galardóns e o carballiñés Diego Valeiras viu recoñecido o seu traballo. 

Producións Teatrais Excéntricas, o proxecto escénico que lidera Quico Cadaval, adaptou o texto orixinal de Vicente Risco do mesmo título para levalo ao teatro. A versión de «O porco de pé» estreouse en marzo do pasado ano no Teatro Principal de Ourense e o xurado dos María Casares recoñeceu con tres premios a proposta. Para Carlos Alonso foi un dos galardoados, neste caso polo vestiario da montaxe. Quico Cadaval e Pepe Sendón conseguiron o premio no apartado de «Mellor adaptación/tradución» e para Evaristo Calvo foi o María Casares ao mellor actor secundario.

O carballiñés Diego Valeiras, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, levouse o premio á mellor maquillaxe por seu traballo en «Papagena», da compañía ButacaZero.