
En Allariz xa foi e pronto serán no Barco, Verín e na cidade das Burgas
29 abr 2023 . Actualizado a las 17:29 h.Chega o mes das flores e na provincia de Ourense xorden as celebracións arredor dos maios. A primeira cita foi o venres en Allariz, onde se puideron ver as primeiras composicións florais nas que as flores se mesturan con outras especies de plantas e verdes. Mais aínda quedan tres citas por diante, todas elas pegadas á tradición e que cada ano reúnen a centos ou incluso milleiros de persoas.
O luns a Festa dos Maios será protagonista no Barco e en Verín. Na capital de O Barco de Valdeorras, nas prazas do Concello e do Sagrado situaranse a ducia de maios presentados ao concurso, que poderán verse desde as once da mañá. Alí estará tamén o mercado de artesanía, na que participarán vinte postos. Ás doce e media haberá música e baile tradicional a cargo da agrupación Abelladeira de Ponferrada. Unha despois será o canto das coplas. Xa pola tarde, ás seis Fran Rei presentará o espectáculo Superheroe, para público familiar.
En Verín, os dez maios apuntados ao concurso poderanse ver desde as once da mañá ata as oito da tarde, colocados na Alameda. Ás 12.30 horas, na Praza do Concello comezará o pasarrúas coa Banda de Gaitas de Verín para chegar á Alameda, onde á unha está previsto o concerto do Conservatorio de Música de Verín. Haberá tamén unha feira solidaria.
Xa para rematar, o domingo 7 será a Festa dos Maios en Ourense. Desde as once da mañá poderán verse os maios instalados na rúa do Paseo. Ademais, nos xardíns do Padre Feijoo haberá xigantes e cabezudos e xogos populares. Ás doce será alí o canto das coplas; mentres que á unha na praza Maior terá lugar o concerto de Tor. Ás sete de media haberá un tributo a Amalia Rodriguez a cargo dos fados de Cristina Madeira, Silvana Peres e Sofía Ramos.