Ángel López, traumatólogo: «Antes de poñer unha prótese é bo baixar de peso e deixar de fumar para evitar infeccións»
OURENSE
O especialista do Hospital de Verín advirte: «A obesidade ensombrece moito o pronóstico a longo praza desas cirurxías»
03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Canto máis vella é a poboación, máis posibilidades de acabar precisando unha prótese articular. O ano pasado, nos tres hospitais da área sanitaria de Ourense realizáronse 1.993 operacións para colocar unha. A maioría das cirurxías saen ben e non traen máis problemas, pero ás veces hai infeccións. Sobre como evitalas e tratalas xirou a reunión da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (Sogacot) celebrada onte en Verín. A xornada estivo organizada polo traumatólogo Ángel López (Verín, 1985), que desde o 2021 traballa no Hospital Comarcal de Verín. Asistiron medio cento de especialistas de Galicia e Portugal.
—Un dos temas a tratar foron os coidados previos á operación, pero normalmente os pacientes pensan só nos de despois, ¿non?
—É no que a xente non fai énfase. En canto lle dis a alguén que o operas dunha cadeira ou dun xeonllo xa se esquece e non se coida máis. E realmente de cara á operación, estar ben previamente cambia moito o postoperatorio. Pacientes que están mellor controlados, que coidan o seu peso, o postoperatorio é máis levadeiro e as complicacións moito menores. Nós na consulta sempre incidimos niso. Aos pacientes que están pasados de peso ou non controlan ben a diabete, derivámolos á consulta de endocrino de Medicina Interna para que controlen antes de cirurxía e ir con outras garantías. A xente non o mira moito pero cambia moito o postoperativo segundo sigan estas recomendacións ou non. No Hospital de Verín facémolo así e as complicacións en canto a infeccións son menores. Tamén entendemos que é un hospital pequeno e temos esa facilidade e un trato máis próximo co paciente e podémolo revisar en máis ocasións para ver se está cumprindo e baixando de peso, porque igual nun hospital máis grande é máis difícil.
—Controlan iso en Traumatoloxía?
—Si. Imaxina un paciente que vén á consulta, vexo que ten mal un xeonllo e dígolle: «Hai que operar pero ten que poñer da súa parte antes de metelo en lista». Vemos se hai compromiso. Non fai falta que baixe dez quilos, pero se aos tres meses vexo que baixou un par de quilos ou tres xa é un compromiso pola súa parte no feito de que vai mellorar de cara á cirurxía, e fai que vaias con outra perspectiva á operación. Nós podémolo facer porque non temos esa sobrecarga das consultas que teñen nun hospital maior.
—Aínda que non cumprira acabaríase operando.
—Si, evidentemente. Pero nós tamén as expectativas que lles transmitimos aos pacientes tamén se enfocan en torno a iso.
—A calquera lle vén ben perder peso ante unha operación de prótese?
—Hai xente que está no peso adecuado e non lle incides, pero hai outros que non. Nós non somos moi estritos nese sentido, e a pacientes que precisen unha cirurxía de xeonllo porque teñen moita artrose vámolo operar baixe de peso ou non, porque ás veces a propia patoloxía fai que se movan menos. Pero noutros países, pacientes que teñen un índice de masa temporal elevado, a partir dun rango de 35-40, xa poden poñerse como queiran que non os operan. Porque está demostrado que a obesidade ensombrece moito o pronóstico a longo prazo desas cirurxías.
—Porque a prótese ten que soportar ese sobrepeso.
—Claro. Por un lado que ten que soportar un sobrepeso e a prótese nunca vai igual que a dun paciente que non o teña. E por outro lado porque está demostrado o que falamos na reunión, que as infeccións danse en moito maior número e en maior proporción neste tipo de pacientes que en pacientes que teñen un peso adecuado ou que sendo diabéticos teñen un control adecuado. Antes de operarse para poñer unha prótese é bo perder peso e deixar de fumar. Todo é unha suma de factores, se quitas factores, menos probabilidade de que teñas unha complicación.
—Que relación ten o tabaquismo coas infeccións?
—O tabaquismo fai que teñas unhas disfunción na túa microcirculación. Eses pacientes ao non ter unha circulación adecuada con respecto a outro que non é fumador, a probabilidade de que a esa zona non lle chegue ben o sangue e poida asentar unha bacteria é maior.
—A incidencia das infección é moi baixa, aínda que ao que lle toque...
—Son moi baixas, pero ao que lle toca é unha desgraza e cada un ve o seu caso. Nós estamos no rango baixo. En dous anos debemos ter unha que poidamos chamar infección de prótese. Non é nin o 1 %. En series mundiais están entre o 1 e o 4 %.
—A xente que precisa as próteses acostuman ter sobrepeso ou non hai relación?
—Non hai unha relación directa, pero si que ves que os pacientes con máis sobrepeso teñen máis artrose nas cadeiras ou nos xeonllos, son pacientes que precisan varias próteses ao mellor. Non é unha causa directa pero si que é un factor que contribúe.