«A maneira de evitar un ictus é coidarse e deixar os hábitos tóxicos, levar unha vida activa cunha boa alimentación e a práctica de exercicio»
OURENSE
Carla Miranda é traballadora social de Fegadace, a federación que aglutina ás cinco asociacións que ofrecen servizos aos pacientes con este tipo de discapacidade en Galicia
26 oct 2023 . Actualizado a las 17:37 h.En Galicia hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido, isto é, xente que naceu sen ningún tipo de ningún tipo de dano no cerebro e nalgún momento da vida sufriu unha lesión nel por un accidente ou unha enfermidade. Cada ano, rexístranse entre sete e oito mil novos casos en Galicia. «Por traumatismos cranoencefálicos, por tumores ou infeccións no cerebro, ou por ictus», explica Carla Miranda, traballadora social de Fegadace, a federación que aglutina ás cinco asociacións que ofrecen servizos aos pacientes con este tipo de discapacidade en Galicia. «O ictus é a causa principal de dano cerebral adquirido, case un 80 % das persoas que teñen esta discapacidade sufriron un», conta. Precisamente por esa grande incidencia, e coa proximidade do Día Nacional do DCA —que desde o 2007 se conmemora o 26 de outubro—, a federación está realizando charlas sobre prevención do ictus por toda Galicia, en colaboración con Afundación e a Xunta.
—O ictus quere dicir que se interrompe o fluxo sanguíneo cara o cerebro, pola rotura dunha vena (os hemorráxicos) ou porque se tapona (os isquémicos).
—¿Cales son os sinais de alarma para saber se alguén está a sufrir un ictus?
—A campaña da Xunta céntrase en tres pero nós explicamos cinco: dor de cabeza intensa e repentina, parálise facial (sensación de acartonamento dunha das metades da cara), dificultade para falar ou para comprender o que me están a dicir, perda de forza ou sensibilidade nunha das metades no corpo e dificultade ou falta de equilibrio para camiñar. Son cinco pero non se teñen que dar todos. Con que se dea unha das cuestións xa se pode estar presentando o ictus e temos que tomar medidas.
—¿Que hai que facer?
—Básicamente actuar o antes posible, porque canto máis tempo deixemos pasar máis área do cerebro vai estar afectada. Recomendan que se actúe nas catro primeiras horas, pero se é posible que non deixen pasar nin media hora desde que noten os síntomas. O primordial é chamar a emerxencias ou acudir a un centro sanitario para que nos atendan.
—¿Cales son as secuelas?
—Cada persoa ten secuelas diferentes. Diferenciamos cinco grupos distintos, con secuelas físicas, que son as visibles; e as invisibles, que collen as sensoriais, cognitivas, condutuais e emocionais. Das secuelas físicas serían dificultade no manexo dunha parte do corpo, unha hemiplexia por exemplo, necesidade de uso de cadeira ou de bastón, dificultade para mobilizar unha extremidade, como o brazo ou ter a man en garra. Nas sensoriais pode haber perda de visión ou de oído. As cognitivas son perda de memoria ou desorientación no tempo ou no espazo. As emocionais poden presentar depresión, tristeza, ansiedade... E as condutuais poden ser tanto por exceso como por defecto: desde verborrea ata, sobre todo, apatía ou falta de interese para realizar actividades.
—¿Non son excluíntes?
—Non. Unha persoa pode presentar secuelas de todo tipo.
—¿Importa moito a rapidez para que as secuelas sexan menores ou maiores?
—Canto antes se actúe menos área do cerebro vai estar afectado, o que quere dicir que enténdese que as secuelas van ser menos limitantes ou que non existan. Pode pasar que a persoa quede sen secuelas. A rapidez é esencial.
—¿Hai xente que queda sen ningunha?
—Si, si.
—Como previr un ictus? Que podemos facer para intentar non telo?
—Hai diferentes factores que fan que unha persoa teña máis probabilidades ou menos de sufrir un ictus. Diferenciamos entre os modificables e os que non o son. Os modificables son que están relacionados cos nosos hábitos de vida e de saúde e podemos cambialos. Entrarían a hipertensión arterial, o colesterol e a diabete, porque son tres patoloxías que están directamente relacionados coa presenza dun ictus. Se temos unha desas enfermidades temos máis probabilidades de ter un ictus. Tamén estarían a obesidade e o sedentarismo como factores modificables. E entra tamén o consumo excesivo de tabaco, alcohol e drogas. O consumo de cocaína aumenta moitísimo a posibilidade de sufrir un ictus.
—[Interrompo] Joaquín Sabina foi a persoa que máis claro falou disto, explicando abertamente do seu accidente cerebrovascular como consecuencia do consumo excesivo de cocaína...
—Si, Sabina é o exemplo claro do que non hai que facer.
—¿E xa estaría?
—Tamén entra en xogo o estrés. Estar nunha situación de estrés moi alto continuada no tempo tamén pode provocalo. Son os factores modificables, cuestións nas que nos podemos coidar e nas que podemos atender para intentar previlo. Incidimos moito en explicar eses factores porque hai outros que non son modificables: a idade, porque o ictus pode suceder en calquera momento da nosa vida desde nenos, pero os datos dinnos que a partir dos 55, 60 ou 65 anos —segundo o estudo— hai maior probabilidade. Homes e mulleres sofren ictus máis ou menos na mesma porcentaxe, pero o ictus é a primeira causa de mortalidade para as mulleres en Galicia como en España. E para os homes é segunda, despois dos infartos. O que nos atopamos en todas as charlas é que ninguén o sabe. A gran maioría das persoas que veñen ás charlas son mulleres e é normal que non coñezan esta realidade. Outro factor non modificable son os antecedentes familiares, porque o ictus pode ter certo carácter hereditario, pero nunha porcentaxe moi baixa. En resumo, a maneira de evitar un ictus é coidarse e deixar os hábitos tóxicos, levar unha vida activa cunha boa alimentación e a práctica de exercicio. E evitar o estrés.
—Esa última semella ás veces ata a máis difícil de todas de cumprir.
—Eu sempre digo que se notamos que estamos nunha temporada na que nos alimentamos mal, que descansamos mal, que notamos que estamos sempre alerta, que saltamos á mínima, que estamos sometendo ao corpo a unha situación de estrés moi alto, que acudamos a un psicólogo que nos axude a manexar esa situación.