De revisitar Medea á súa primeira película

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Iria Sobrado
Iria Sobrado Miguel Villar

Iria Sobrado e Antagonista Teatro iniciarán en Barbadás a xira de «Insubmisa»

16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda Iria Sobrado repartida en moitas frontes. Coma sempre. Vén de reencontrarse a carballiñesa coa serie «Rapa», volve á vila porque comezan a xirar con «Insubmisa» —de Antagonista Teatro— e recoñece que regresa contenta do Abycine. No laboratorio do Festival de Cine Independiente de Albacete conseguiron apoio para desenvolver o proxecto do que será a súa primeira longametraxe como directora. Como soe acontecer nestes casos a cousa vai a modo e con tempo, pero sen parar nunca. As series seguen a ser unha referencia aínda que non pode avanzar nada mentres non se confirmen os proxectos —«fas probas pero hai que agardar ao resultado, e mesmo así nalgúns casos debes esperar a que se presente»—. Hai unhas semanas estaba no OUFF, desta volta como presentadora, e suma unha faceta máis ao seu día a día: o retorno ás aulas, algo que sempre lle causa sorpresa aos alumnos: «Son a profe de ‘Mates’ que sae nas series ou nos programas da tele. Iso déixaos descolocados». Amósase ilusionada e comprometida coa obra de Antagonista Teatro por partida dobre: «Que se conte cunha compañía residente no Carballiño e que se fagan cousas no pobo sempre está ben. A min chamáronme para participar e encantanda. Ademais, sempe é bo facer unha lectura dende hoxe do que nos contaron e ao mellor non foi así como pasou a historia. Un home díxonos que Medea foi a asasina dos seus fillos, mais non está claro que tal cousa acontecera. Hai que ir á raíz dos feitos, porque o tempo fai que cada vez haxa máis terra por riba e que non se coñeza a verdadeira realidade». Cun amplo e dilatado currículo no que se mesturan series —da lembrada Pazo de Familia á máis recente Asunta, da produtora Bambú—, programas de televisión —foi colaboradora e actriz de reparto en Land Rober e Tourilandia—, curtametraxes e obras de teatro, Iria Sobrado anda a voltas agora coa que será a súa primeira longametraxe: Aquagym. O proxecto xa contou cunha axuda de Agadic para preprodución e as previsións pasan por presentala agora á próxima convocatoria de produción. «A película incidirá na sororidade entre mulleres maiores. As protagonistas teñen ao redor dos setenta anos e a idea do proxecto é amosar a súa realidade cotiá cando se desprenden da carga dos coidados e se preocupan de si mesmas», avanza. A proposta está en desenvolvemento e xa van co cuarto guión do que será a longametraxe. Consciente de que os tempos do audiovisual pouco teñen que ver co teatro ou as series, Iria Sobrado vai sumando etapas de cara ao que será Aquagym. «A rodaxe? Nós calculamos que no 2025 podamos estar gravando para estrear ao ano seguinte. A previsión coa que traballamos é poder estreala a comezos do ano seguinte, no 2026». Mentres avanza a longametraxe a actriz carballiñesa e os seus compañeiros xa están traballando de cara ás representacións de Insubmisa: «Dentro duns días, o 24, estaremos en Barbadás. E xa están pechadas as datas para as representacións de Monforte e O Barco de Valdeorras. Ao estar a montaxe na Rede Galega de Teatros e Auditorios, de Agadic, vai contar cun percorrido importante por toda Galicia», sinala.