José Ramón Rodríguez, presidente da D.O. Valdeorras: «A Feira do Viño é a festa da nosa casa e como tal hai que coidala»

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

OURENSE

José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador de Valdeorras
José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador de Valdeorras MIGUEL VILLAR

A edición número 25, que esta fin de semana se celebra no Barco, será a máis madrugadora de todas

01 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva pouco máis dun ano no cargo, e aínda que recoñece que de momento non lle deu tempo a facer todo o que quería, recoñécese contento. «Hai unión no sector. Isto é un traballo en equipo, agora tócame a min estar aí ao frente pero o importante é que o sector esté unido e puxante», di José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

—Estamos avanzando no tema de promoción, que este ano fixemos moita cousa e ben feita, e control. Son as dúas patas: control e promoción. Hai que seguir incidindo nelas. Sempre quedan cousas no tinteiro e os prazos ás veces non son as que un quere, pero estamos na liña marcada.

—Abriron algún mercado novo?

—Hai un par de semanas fixemos unha presentación en Madrid. Facía moito tempo que non íamos cun formato mixto de prensa especializada e sumilleres de restaurantes top e a convocatoria foi un éxito.

—Hai unha aposta polo mercado nacional?

—Viñamos dunha serie de feiras internacionais como París, Dusseldorf ou Barcelona... E tiñamos o mercado nacional un pouco coxo de promoción. Hoxe Madrid é un polo de atracción moi grande. Ten unha poboación flotante e de turistas tremenda e é un sitio no que podemos sacar rendemento alto da promoción.

—Agora toca a Feira do Viño, que sempre se di que é para a xente de máis preto...

—Esa é a filosofía. É a festa da nosa casa e como tal temos que coidala moito.

—Unha oportunidade para gozar do godello e a mencía...

—Si, pero tamén hai elaboracións especiais. Na Feira de Valdeorras animámonos a levar as cousas menos frecuentes.

—O godello é de Valdeorras, di a última campaña de promoción.

—Non é unha campaña especialmente reivindicativa, pero si é certo que o godello é de Valdeorras. Para nada queremos entrar en polémicas con outras denominacións de orixe e menos galegas, porque todos sumamos, pero si que é certo que o godello salvouse da extinción en Valdeorras. Iso é un feito constatable. O proxecto Revival dos anos 70 foi o xerme do éxito actual da nosa denominación de orixe.

—A xente xa pide godello de Valdeorras?

—Depende. Hai sitios. En Madrid si que nos sorprendeu moito que tanto prensa especializada como sumilleres xa estaban moi concienciados co tema de Valdeorras e dicíannos: ‘a variedade é moi importante, é un valor engadido importante, pero realmente o que ten máis diferenciación é a D.O., o chan, o clima’.

—E iso non se pode levar.

—Iso non é exportable (ri). Por iso veñen grandes adegas para Valdeorras, porque non se pode exportar.

—Pasou primeiro coa pizarra e agora co viñedo, que atraen a grandes grupos.

—Pasa a nivel España, non só en Valdeorras. Ao final o capital concéntrase cada vez máis e no sector adegueiro hai moitísimas compravendas nos últimos anos. Grandes grupos cada vez sono máis. É algo bo. Esa convivencia entre adegas punteiras a nivel de España axuda a colocar os viños nas mellores mesas e nos sitios máis reputados. Despois dos godellos de 100 puntos Parker, o resto imos detrás. Unha cousa tira da outra, revalorízase o territorio. E as adegas de fóra viñeron a aportar, a sumar e a facer cousas de calidade, que iso é o importante. A calidade ten que ser o noso máximo expoñente.

—Pero aí entraron, non?

—Claro. Entraron cunha idea de negocio moi boa, de facer calidade e cousas singulares, tipicidade... Ao final son grandes grupos adegueiros que se adaptan á variedade, ao territorio, ao clima... E creo que están facendo cousas boas. Por suposto, as adegas que levan aí toda a vida tamén fan un traballo incrible e levan moitos anos loitando pola D.O. É unha suma que aporta moito. Máis que sumar, unha cousa e outra multiplica.

«Estanse recuperando viñedos históricos»

Rodríguez está convencido de que a D.O. Valdeorras ten moito futuro, cada vez máis, ao dar o salto á profesionalización.

—Hai relevo xeracional?

—Eu creo que si, porque hoxe ter viñedo en Valdeorras é rendible. Aínda que o traballo é grande e duro, o traballo no campo é fastidiado, pero se tes unha rendibilidade ao final do ano, dáche máis gusto quedar na casa e traballar para ti. A nivel de viticultores hai unha fornada de novos viticultores que están tomando o relevo e incluso plantando viñedo porque hoxe en día é rendible. Ao final o campo é como todo, se podes vivir ben do teu traballo, iso é o principal para que haxa relevo. Se non é facer castelos no aire.

—Medra en hectáreas a denominación de orixe?

—Non. Isto tamén é algo curioso porque estamos aproximadamente en 1.100 hectáreas. Algo de crecemento hai, pero non saímos moito de aí. Hai reconversión de tinto, que está un pouco máis frouxo, a branco. Pero creo que tamén é un valor engadido, porque estamos recuperando viñedo ou adaptando viñedo onde xa había antes. Estamos usando viñedos históricos e aí hai moita máis calidade. Se fas unha plantación nun sitio onde nunca houbo viña, para facer unha terra de viño fan falta moitos anos e a calidade non vai ser a mesma que cando ti plantas nun sitio no que houbo... Esa é tamén unha clave para entender a calidade e a singularidade dos nosos viños, que se está apostando moito pola recuperación ou a reconversión de viñedos históricos, non por crecer en grandes superficies onde antes non había viñedo. Isto é algo singular.

—Como vén a vendima?

—Naceu ben, naceu uva en cantidade, pero hai moita humidade. É moi cedo aínda. Xeadas non houbo, así que libramos do máis importante a agora toca estar atentos a dar tratamentos e ter cuberto o viñedo contra mildeu, oidio e black rot, que son as tres principais dores de cabeza neste momento. Aínda non está na flor, está empezando, como houbo o frío a semana pasada parece que lle paralizou un pouco o proceso de floración, pero con respecto ao ano pasado por aí vamos, igual cinco días de retraso, pero nada salientable.

—Este ano auga está habendo moita.

—Choveu moitísimo. Tanta chuvia é moi perigosa, vinte e poucos grados, humidade alta, moita auga no terreo... mildeu fixo, así que hai que tratar.