José Fernandez, psicólogo: «En todos os centros hai acoso escolar, o que o negue está pechando os ollos»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Pepe Fernández é pedagogo e presidente de Vagalume.
Pepe Fernández é pedagogo e presidente de Vagalume. MIGUEL VILLAR

O orientador escolar aconsella aos pais controlar o que os seus fillos fan co móbil

09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano os Encontros Familia-Escola de Vagalume estiveron centrados na saúde mental non por capricho do presidente da asociación organizadora, José Fernández (Carballeda de Valdeorras, 1959), senón porque polo seu traballo como orientador escolar viña vendo a necesidade de abordar o tema. De feito, ese contacto directo cos rapaces no IES Lauro Olmo do Barco e tamén coas familias levárono fai dous anos a ofertar, de balde, consulta psicolóxica en Vagalume dúas tardes á semana. Considera prioritario que haxa un profesional en cada centro educativo.

—Cal é o perfil?

—Son rapaces moitas veces desconectados do mundo académico e o máis fácil para eles é pasar e seguir na mesma liña. Se lle fas unha proposta inicial que lle poida facer reflexionar e están de acordo en retomar os estudos e abandonar certas prácticas adquiridas como a adición a fumar porros, hai que poñer obxectivos a curto prazo e cun seguimento continuo, porque se non decae a motivación. E vai crecendo a problemática de trastornos da ansiedade, estanse diagnosticando moitos casos de trastorno autista... Todo iso o temos na escola, pero de momento en moitos casos non están recibindo a axuda que necesitan.

—Pídese axuda tarde?

—En moitas familias cando o problema é educativo, de fracaso escolar, non piden axuda, pero cando pasa da esfera educativa á vida futura e de saúde, aí si que buscan opcións. Porque os rapaces se fan cortes, falan de matarse porque lle pegan aos pais. Hai rapaces que non soportan que os seus pais lles dirixan a palabra, pero saben exercer presión para conseguir o que queren a nivel de saír ou mercar determinadas cousas. Hai familias que igual económicamente non se desenvolven moi ben pero o fillo ten un móbil de 1.400 euros. Van cedendo e chega un momento no que iso xa non o poden soportar porque está en xogo moitas veces a súa integridade física.

—Sae moito o tema do móbil na consulta?

—Gran parte dos conflitos nas familias xorden polos móbiles: as protestas, os insultos, o saltarse os límites, todo iso o eixo central moitas veces está nos móbiles. Pais que che din que os fillos os botan da habitación cando lle din que o apaguen ou que chegan a agredilos se din de quitarllo. É unha fonte de conflito aparte de que xeran unha dependencia altísima e de problemas de relación entre eles, de insultos e acoso polo móbil, que lles prece que non ten tanta importancia... Raro é o ano no que non aparecen varios anos en Fiscalía de Menores por culpa dos móbiles.

—A que idade lle damos o móbil?

—Hai xente que di cando o poidan pagar, e non está mal. Os de 12 anos prácticamente todos teñen, pero se o teñen que os pais sexan capaces de controlar o uso e teñan as claves para saber por onde se move o seu fillo. Na adolescencia permitímoslle intimidade na habitación e se non queren facer a cama en todo o mes, alá eles, pero respecto de por onde navegan ten que haber un control. E iso de pensar que o vai utilizar con responsabilidade é un erro total, porque non a ten. Recomendo retrasar o feito de ter móbil ata que se poida e cando se decida darlle un móbil, con un racionamento temporal, nada de libre disposición. Canto máis tarde mellor e cando o teñen con control dos pais.

—Fala con preocupación do número de protocolos de suicidio aberto. Sempre foi así?

—Non. De hai uns cinco para aquí teñen cambiado moitísimo as cousas, a nivel de problemas dos rapaces, familiares, de acoso escolar. En cuestionarios que lles paso aos rapaces para ver a saúde emocional que poden ter, nunha alta porcentaxe non están ben.

—Hai tendencia a minimizar os casos de acoso?

—Hai centros. Hai unha porcentaxe alta de casos. O 4 % dos rapaces reciben acoso. En todos os centros hai acoso escolar e o que o negue está pechando os ollos e así non o ve. Cando un rapaz se queixa dun caso de presunto acoso hai que poñer os medios como se o fora. Investígase e chégase a unha conclusión, pero non se poden pechar os ollos dicindo que non hai acoso. Hai acoso en todos os centros e ese é o primeiro razoamento que temos que asumir como profesionais do ensino para poder abordar. Recoñecelo é un plus de confianza cara ese centro, porque quere dicir que van ter os recursos e a predisposición para poder identificalo e atallalo.

«Chama xente de Madrid e Barcelona para apuntar aos nenos aos campamentos»

Fernández está detrás da organización dos Encontros Familia-Escola, que cada ano traen a O Barco a destacados conferenciantes no eido da educación, nunhas xornadas que atraen a centos de pais e educadores.

—Na despedida dixo «se volve haber», sen afirmar que haberá nova edición. Está no aire?

—Imos manter a dúbida ata ver con que recursos contamos. Hoxe traer un psicólogo ou un psiquiatra é complicado, porque teñen moito traballo, moita xente imparte cursos e fai consultas por internet e vir a O Barco implica desprazarse e perder dous días de traballo. Nós podemos pagar unha conferencia a un prezo razoable, pero non o que se perde de gañar en dous días. Así que temos que ver que recursos temos. Igual podemos contar con máis axuda da que temos neste momento [a do Concello, a dos socios, dalgunha subvención da Deputación]. A miña idea sería podelos ter, pero non está seguro.

—O que si vai haber é o campamento de verán.

—Os campamentos naceron na trastenda da [libraría] Praxis no 2000. No 2002 creamos Vagalume, naquela época en que as actividades culturais do Barco eran as que organizaba a asociación. Os campamentos fainos Vagalume coa colaboración do Concello. Chama incluso xente de Madrid e Barcelona para apuntar aos nenos.

—Son as dúas cousas que fai, ademais da atención.

—Vagalume tivo momentos nos que fixo apoio escolar para rapaces con dificultades de aprendizaxe, de familias desfavorecidas, polas tardes. Despois ese programa asumiuno a consellería co programa Proa e deixamos de facelo. As actividades que se foron asumindo por outras institucións, abandonámolas, como o maratón de lectura, que deixamos dado o número de actividades que se fan hoxe polo Día das Letras.

O rapaz de familia humilde que traballou na pizarra para poder estudar

En agosto cumpre 65 anos e podería xubilarse, pero non o vai facer. «Pedín estar un curso máis e despois xa veremos, dependerá de se a saúde mo permite», di. Se pode, vai continuar. «A min o traballo e a vida vanme polo mesmo carreiro. Desfruto moito do traballo», asegura.

A súa historia é vocacional. Nacido en Sobradelo, acabou vivindo en Viladequinta, unha aldea uns quilómetros montaña arriba en dirección a Trevinca. «Era asmático e fun alí por unhas festas do San Pedro e notei que estaba de marabilla, que non precisaba inxeccións», rememora. Alí quedou. Chegou con 7 anos e estivo ata os 14. O seu mestre nesa etapa foi Tomás Terrón (quen dá nome ao colexio de Sobradelo e que tamén fora alcalde) e nas súas clases tivo claro que quería seguir os seus pasos. «Sempre elegantemente vestido, impecable, coas súas botas marróns lustradísimas, e a ensinanza que facía. Era unha escola unitaria na que os maiores axudabamos aos pequenos. E alí xurdiu a vocación de ser mestre, porque se me daba ben e gustábame», sinala. Tíñao claro, pero non todos no seu entorno o vían así. Viña dunha familia moi humilde, así que a súa nai dicíalle que aquilo eran paxaros na cabeza, «que só estudaban os fillos dos ricos». Pepe empeñouse en demostrarlle que iso podía mudar. Comezou a traballar nos veráns, primeiro na canteira e despois colocando pizarra en Vitoria. Co que gañaba e a beca puido marchar a Ourense facer Maxisterio. Naquela época, as dez mellores notas tiñan acceso directo a un posto, sen necesidade de facer a oposición. E Pepe foi un deles. Empezou a traballar e seguiu estudando. Fixo un curso ponte e despois entrou en Psicoloxía en Santiago. Pasábanlle os apuntes e el acudía aos exames. Despois fixo Pedagoxía.

Tras sete anos coma mestre, entrou no equipo psicopedagóxico de Monforte, onde estivo nove, antes de chegar ao IES Lauro Olmo hai 26. No instituto pasa as mañás. Os mércores á tarde dá clase en Psicoloxía e Traballo Social na UNED da Rúa e os xoves e os venres está en Vagalume.

Cando non está traballando, le de traballo, pasea ou visita aos fillos. «Gústame saír, cada vez máis. Teño dous fillos, un en Londres e outro en Madrid, así que imos velos cada certo tempo», di.