Volve o mellor folclore do mundo

La Voz

OURENSE

Presentación das Xornadas de Folclore da Deputación
Presentación das Xornadas de Folclore da Deputación Alberte Paz

As Xornadas da Deputación contarán con grupos de Colombia, México, Panamá, Serbia, Taiwán e Senegal

01 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 12 ao 21 de agosto • Por toda a provincia • De balde • As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense son unha das propostas máis destacadas e valoradas do verán cultural. Unha cita que comezaba a súa andaina en 1984 e que este ano celebra a súa edición número trinta e nove, ao non ter actividade dous anos pola pandemia. A filosofía do proxecto segue a ser a mesma: concentrar en dez días grupos que figuran entre as mellores agrupacións folclóricas do mundo. Un obxectivo que se consegue todos os anos en base á experiencia e á reputación das Xornadas de Folclore de Ourense e a formar parte da federación internacional de festivais, feito que inclúe á provincia na xira destas formacións por Europa.

 

As xornadas foron presentadas na Deputación polo director artístico das mesmas, Xulio Fernández Senra; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o vicepresidente segundo da institución —e deputado de Cultura—, César Fernández Gil.

Na edición deste ano participarán 137 artistas, vencellados aos grupos procedentes de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán. O programa de actuacións comezará o 12 de agosto coa cerimonia de inauguración na que participarán todos os grupos e que se realizará no Teatro Principal (20.30 horas). Como xa é costume cada día haberá dous festivais e en cada un deles actuará a metade das formacións. O percorrido dos mesmos pasará polo Barco e Celanova (día 13), Maceda e Verín (14), Entrimo e Viana do Bolo (15), A Rúa e Allariz (16), Trives e O Carballiño (17), Castro Caldelas e Xinzo de Limia (18), Manzaneda e Bande (19), Ourense (20) e Ribadavia (21). Como en anos anteriores na convocatoria da cidade e na xornada de clausura (días 20 e 21) participarán todos os grupos. «Serán dezaseis espectáculos en dez días, con asociacións de catro continentes que están entre as mellores do mundo e que cada unha deles participa con dúas montaxes. Grazas aos moitos anos de traballo somos un dos festivais de referencia no Estado», sinalou Fernández Senra.

César Fernández salientou que as Xornadas contaron no ano 2023 con 25.000 espectadores e Anxo Lorenzo destacou o papel da iniciativa na dinamización cultural do rural.