Letras, son e solidariedade protagonizan a décima edición do Poemagosto en Allariz

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Luix Kaf, durante o seu recital no Poemagosto
Luix Kaf, durante o seu recital no Poemagosto Alejandro Camba

O Festival Internacional de Poesía celebrou unha nova cita con recitais e a actuación de grupos como Tesouro

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns aspectos cambiaron do Poemagosto nos seus dez anos de vida. O Festival Internacional de Poesía de Allariz comezou a celebrarse coincidindo co San Martiño, de aí o seu nome. Agora é en outubro. As primeiras edicións acolleunas o espazo natural do Rexo, pero dende fai anos ten lugar no patio do Museo do Coiro, no centro da vila. Aínda así, nesta primeira década, hai cousas que o Poemagosto segue a manter intactas. «Tratamos de ser o mesmo punto de encontro para amantes da poesía que cando iniciamos esta aventura», afirmou o organizador da cita, Carlos da Aira, visiblemente contento tralo bo resultado da décima edición, que tivo lugar este sábado. «Veu moitísima xente e estamos moi agradecidos. Logo de tantos anos a verdade é que é unha ledicia ver como as persoas se animan a vir e a participar», concedeu.

Rochi Nóvoa, Silvia Penas, Verónica Martínez Delgado, Samuel Merino e Luix Kaf foron os encargados de emocionar aos asistentes cos seus recitais. «Estiveron marabillosos», dixo Carlos, que tamén se subiu ao escenario. Fixérono este ano ademais algunhas caras anónimas, co fin de apoiar a loita palestina. «Tivemos unha sesión de micro aberto e quedamos sorprendidos. Subiron máis de seis persoas a ler poemas ou recitar os seus propios», recoñeceu o organizador.

As letras mesturáronse con boa música e tamén boa comida. Pola mañá tocoulle amenizar o vermú ao grupo ourensán Tesouro e pola noite puxo a bailar á xente Coanhadeira.

Postos de artesanía

«A barra do bar estivo chea porque o tempo respectou a meirande parte da xornada», dixo Carlos. Os postos de comida e tamén os de artesanía tiveron tamén moi boa acollida. Veciños e visitantes aproveitaron para descubrir un pouco máis sobre algúns produtos da zona que tiñan presenza no mercado de artesanía. O público gozou dun día en convivencia dende a mañá ata a noite. «Estamos moi satisfeitos e contentos», rematou o poeta que organiza a cita. Agora tócalle pensar na seguinte edición, a número once.