Nuria Sotelo: «Estrear novo espectáculo na miña cidade e volver ao FITO é unha gran oportunidade»
OURENSE

A compañía Furia Sotelo participa no festival de teatro con «Sobre o extravío ou a arte de perderse»
17 oct 2024 . Actualizado a las 05:17 h.Volve á programación do FITO Nuria Sotelo e chega cunha nova proposta escénica. A montaxe «Sobre o extravío ou a arte de perderse» é estrea absoluta e poderase ver esta tarde, no Teatro Principal, a partir das oito. Sobre o escenario unha protagonista, encargada de levar a cabo un só de danza que incide na importancia do lugar, sobre o que non se ve pero está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Ou de perderse.
—Como afronta a estrea?
—Con ilusión. Con certos nervios, pero con tranquilidade. A que se poderá ver no Principal é unha nova versión do espectáculo. En principio foi concibido para espazos non convencionais, e así se estreou en xuño en Cangas, e logo fun creando esta versión para recintos pechados co apoio das Residencias Paraíso. O traballo foise desenvolvendo na estadía en Narón.
—Que tal a volta ao festival?
—Agradezo moito o convite para participar. Estrear un novo espectáculo na miña cidade e volver ao FITO é unha gran oportunidade. É un privilexio e dáme a posibilidade de achegar a miña proposta a un festival con moito público e cun largo percorrido.
—A montaxe da compañía Furia Sotelo que ofrece?
—O espectador vaise atopar con moitas sorpresas. É un espectáculo con moita improvisación, co protagonismo do corpo e do movemento e cunha proposta que tamén lle dá valor e importancia ao texto, hai moito. Ademais, nesta montaxe son protagonistas os obxectos e o que se busca é compartir un espazo íntimo no que a luz xoga un papel destacado, como a música.
—Obxectos con historia.
—Hai moitos materiais reciclados e para crear ese espazo íntimo que buscaba collín mobles que recuperei de casa da miña avoa para esta obra, que é un convite a gozar.
—Dirixe Ana Vallés, coa que vostede colabora nos seus proxectos.
—Temos unha vella relación de amizade. Estivo comigo no meu primeiro espectáculo, que foi no 2010 e daquela como Licenciada Sotelo, e mantemos a relación en colaboracións puntuais para a súa compañía, Matarile. Para esta montaxe comezamos a traballar nun intercambio que fixemos en Cataluña. Tamén participan Laura Iturralde —na iluminación—, Camile Hedouin, MounQup, e Alejandra Balboa.
—Promoveu A Casa Vella. Como vai a iniciativa?
—Con moito esforzo, pero aí seguimos traballando para poder continuar. Faise difícil sacar adiante unha casa de creación porque aquí, a diferenza doutras comunidades, non hai axudas específicas. O obxectivo é darlle visibilidade ao que se está a facer dende o rural. E precisas tempo e apoio.