A entrega do galardón Florencio Delgado será no Bolo e incluirá un roteiro pola vila
OURENSE
Para participar na festa da poesía do día 26 é preciso inscribirse previamente
21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A recentemente creada Fundación Florencio Delgado Gurriarán elixiu O Bolo para a gala de entrega do premio de poesía, que chega este ano á súa quinta edición. A cita será o próximo sábado, día 26 a partires das seis da tarde. Lonxe de ser unha gala ao uso, a organización decidiu facela especial e incluirá previamente un roteiro pola vila que comezará no museo Yosso para despois ir camiñando todos xuntos cara o castelo. Avanzan que haberá varias sorpresas entre medias. Xa na fortaleza está prevista a lectura dos tres poemas finalistas, despois do cal se dará a coñecer o nome do autor gañador de entre os tres que máis gustaron ao xurado: Aleixandre Lago, Daniel Barral e Benjamín Vidal. Como fin da festa haberá viño e petiscos de outono.
O evento, que estará conducido polo actor valdeorrés Paco Campos, ten aforo limitado. É por iso que para asistir como público faise preciso reservar espazo a través do formulario que está dispoñible na web florenciodelgadogurriaran.gal.