O acto de entrega será o 30 de outubro no Carballiño
23 oct 2024 . Actualizado a las 18:15 h.A Federación Galega de Comercio sorteou este martes ante notario os 10.000 euros en premios correspondentes á campaña Merca no teu comercio de Ourense. A participación foi de 15.896 papeletas, pertencentes a compras realizadas nos establecementos adheridos a través das distintas asociacións de comerciantes da provincia.
« Esta cantidade supón un volume de negocio que ronda o medio millón de euros», apuntaron. A iniciativa desenvolveuse entre o 1 e o 20 de outubro e o seu obxectivo era poñer en valor o negocio de proximidade, incentivar as compras e premiar a aposta dos clientes polo comercio local. Ante o notario José Manuel López Cedrón sorteáronse 10.000 euros, repartidos en 50 bonos en formato código QR de 200 euros que deben ser empregados polos gañadores para volver realizar compras nun máximo de tres establecementos participantes na campaña. Os premiados poden consultarse na páxina da federación.
O acto de entrega destes premios terá lugar o vindeiro 30 de outubro, mércores, ás 19.30 horas, no Auditorio Multiusos Municipal de O Carballiño. Neste acto sortearase en directo, entre os asistentes que acrediten participación na campaña, un premio de 1.000 euros a gastar nunha xornada de compras, segundo as bases da campaña.