Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

As fundacións Quesada e Velo editan debuxos creados polo pintor ourensán

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

María Jesús Blanco e Carmen Leyte presentaron a carpeta
María Jesús Blanco e Carmen Leyte presentaron a carpeta xmr

Unha carpeta reúne o traballo que o artista ourensán realizou para unha película que nunca se chegou a rodar

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As fundacións Xaime Quesada Blanco e Carlos Velo presentaron no Liceo de Ourense unha carpeta que é froito da colaboración entre as dúas institucións e que está vencellada a un frustrado proxecto que o pintor Xaime Quessada e o director de Cartelle ían desenvolver ao comezo dos anos 70 do pasado século.

Quessada. Debuxos para unha película de Carlos Velo inclúe quince obras do artista que o ourensán creou a petición do director, co obxectivo de incluílos nunha peza audiovisual que nunca se chegou a realizar. A edición da carpeta correu a cargo de Xosé Enrique Acuña e Xosé Gómez Alén asina o caderno contextual que se inclúe na mesma.

As presidentas das fundacións Xaime Quesada Blanco e Carlos Velo, María Jesús Blanco e Carmen Leyte respectivamente, centraron a súa intervención na historia e nas condicións nas que se xestou aquela iniciativa. Leyte lembrou a viaxe de Os artistiñas a México, o movemento antifranquista que había no país naquela altura —en 1971— e a papel que xogaba Carlos Velo, na súa condición de cofundador da revista Vieiros —cuxa dirección compartía con Luis Soto e Florencio Delgado Gurriarán— e no Padroado da Cultura Galega en México.

María Jesús Blanco, que participou na viaxe xunto ao seu marido Xaime Quessada e o pintor Xosé Luis de Dios —Acisclo Manzano non puido viaxar a última hora e só mandou a obra—, lembrou as vivencias daquela experiencia e o agarimoso trato recibido polos artistas ourensáns.

O debuxos creados por Quessada para Velo quedaron en poder da súa viúva, Carol de Swan, e esta remitiunos para Ourense cando o artista quixo incluílos nunha das súas exposicións. Vencellados á súa serie negra, as obras teñen unha forte presenza da violencia e o dramatismo propios daqueles anos da ditadura franquista. Coa edición da carpeta a serie queda reunida no proxecto que promoveron as dúas fundacións ourensás.