O segundo galardón á oratoria foi para un proxecto sobre mulleres na poesía
28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Por segundo ano consecutivo a Fundación Otero Pedrayo, da man da asociación de amigos do escritor de Trasalba e co apoio da empresa ourensá Coren, trata de fomentar a oratoria en galego cun premio que recoñece a dous proxectos de realizados por rapaces de entre 15 e 25 anos. Nesta ocasión as galardoadas foron dúas mulleres. O primeiro posto foi para un traballo realizado por Saray Rodríguez, unha estudante de Dereito de 21 anos, que centrou a súa proposta na vinculación dos textos de Otero coa sostibilidade e o medio ambiente. «El era catedrático de Xeografía e Historia. Tiña moitísima documentación relacionada coa preservación do entorno e a natureza, así que fixen un guión sobre todo iso», explica. O seu podcast, que pode escoitarse en YouTube, chámase Galicia sostible: unha ollada ao futuro. Saray di que sempre tivo moita afección pola literatura. «Intento presentarme a todos os certames que me encaixan, por prazos, cos exames da carreira», admite. «Para min crear este podcast foi moi entretido», engade.
O segundo premio desta edición foi para unha alumna máis nova, Uxía Lavandeira, do IES Pedra da Auga de Ponteareas. Ten 15 anos e, animada polo seu mestre de Historia, Carlos Lozano, decidiu presentarse á convocatoria. Apostou por afondar na poesía confesional a través do traballo de catro poetas femininas que destacaron neste xénero. Uxía investigou as letras de Alejandra Pizarnik, Anne Sexton, Sylvia Plath e Marina Tsvetáyeva. «A verdade é que ao principio foi difícil facerse a estar diante dun micro e falar con fluidez, pero despois acostumeime e desfrutei», explica. «Ao longo dos séculos utilizouse a poesía como ferramenta para responder ou dar sentido aos sentimentos, pero existiron temáticas e vocabulario restrinxido se as que rimaban eran mulleres», asegura. De toda esa censura e da ruptura coa mesma fala no seu podcast, ao que titulou A pedra da poesía.
Na entrega de premios, este mércores na Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba, no municipio ourensán de Amoeiro, lembrouse a asombrosa oratoria do autor da Xeración Nós. «Falaba ben e falaba moitísimo», afirmou Emilio Rial, director xeral de Coren, empresa que patrocina o premio. «É fundamental que a xuventude lle dedique tempo a mellorar a oratoria porque no mundo todo é saber comunicarse», engadiu. Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou aos presentes a importancia de falar galego. «Tedes que tomar a decisión de ser bilingües. Nunca esquezades que esta é a nosa lingua propia e, coma fixo Otero Pedrayo, o máis importante é valorala usándoa», afirmou.
Á entrega dos premios acudiron invitados os alumnos de segundo da ESO do colexio Franciscanas de Ourense.