Teatro, danza e circo para os pequenos espectadores que están de vacacións nas festa de Nadal
25 dic 2024 . Actualizado a las 06:05 h.Do 26 ao 30 • Diferentes horarios • Teatro Principal • De 5 a 16 euros • As vacacións de Nadal son as datas axeitadas para gozar das artes escénicas en familia. E no Teatro Principal hai xa uns anos que apostaron por contar cunha programación específica para estas xornadas ao desaparecer a MOTI (Mostra Internacional de Teatro de Ourense), o festival anual que Sarabela organizaba para os máis cativos e as súas familias.
Catro son os espectáculos que se poderán ver esta semana no espazo cultural ourensán, e de dous deles haberá varias sesións. O xoves, día 26, abrirá a programación Aurora Artes Escénicas coa súa montaxe «Maruxiña». Haberá representacións ás 12.00 e 18.00 horas e o prezo da entrada é de 5 euros. Laura e Alma Sarasola son as protagonistas desta Maruxiña que se inspira no clásico de Andersen «Polgariña». A partir de 5 anos.
Todo un clásico das propostas de Nadal en Ourense volve ao reencontro co público da cidade. O grupo La Pera Limonera estará o día 27 no Principal —18.00 horas— coa súa adaptación de «Un traxe novo para o emperador». A montaxe, de creación colectiva e protagonizada por Sergi Casanovas e Pere Romagosa, levou o Premio Fetén á Mellor Dramaturxia no 2023. Recomendada para un público a partir de 5 anos, 10 euros a entrada.
A terceira das sesións chegará da man de Thomas Noone Dance e protagonizará a actividade do Principal o día 28 —18.00 horas—. «A gata que quería cambiar a historia» é un espectáculo que monicreques, danza e artes visuais para todos os públicos. Baseado nun conto hindú, a montaxe recrea a historia de amizade de catro animais —gata, moucho, lagarto e rato— que viven nunha árbore. 10 euros a entrada.
O programa do Nadal en Familia do Teatro Principal pecharase coa presenza da compañía La Fiesta Escénica. A formación do Val Miñor estará os días 29 e 30 —en sesións de 12.00 e 18.00 horas— coa súa proposta «Circo de Nadal». A montaxe creouse a xeito de celebración dos 29 anos do grupo. A partir de 16 euros.