Alba García, trompetista que se forma na escola Reina Sofía: «Paga a pena o traballo duro para conseguir unha carreira profesional»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alba García García, trompetista
Alba García García, trompetista Alejandro Camba

A ourensá, que actuou no paraninfo do Otero Pedrayo no ciclo Centenario Telefónica, lembra como comezou na música e debuxa os seus obxectivos

30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Confesa Alba García (Ourense, 2003) que se puidese falar coa Alba cativa ten moi claro o que lle diría: «Que non deixase de coller a trompeta e se centrase na súa carreira musical porque paga a pena. Vives épocas moi boas, tamén algunhas malas, pero o esforzo compensa e cumprir ese soño é o mellor que che pode pasar».

Mentres goza das vacacións de Nadal —este é o seu terceiro curso na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid— recoñece que segue a lembrar a experiencia do concerto que ofreceu o pasado día 19 no Otero Pedrayo xunto ao pianista Luis Arias como algo moi fermoso e desexado. A actividade formaba parte do ciclo Centenario Telefónica, un proxecto que promove actuacións en espazos monumentais para celebrar os cen anos da empresa. Entre outros, houbo concertos na mesquita de Córdoba, a catedral vella de Salamanca e a praza do Concello de Toledo. «Tiña moitas gañas de tocar en casa e facelo cun recital deste tipo. Foi moi especial e escollemos con moito cariño o repertorio para o concerto de Ourense. Era na miña cidade e ían estar a familia e os amigos no público, daquela tiña que ser algo diferente, unha actuación para lembrar», recoñece. Ela xa participou noutras dúas experiencias do programa: «Estiven nas actuacións da mesquita de Córdoba e no Auditorio Nacional, aínda que eses concertos foron diferentes porque eran con orquestra».

Paixón temperá

A de Alba García foi unha escolla iniciática. «Cando era pequena meus pais leváronme a unha escola de música. Probei de todo —percusión, guitarra, saxofón, frauta...— e cando me atopei coa trompeta xa non a quixen soltar máis. E dende entón estou encantada», recoñece. Unha relación que se converteu en paixón traballada a base de milleiros de horas de dedicación. Comezou aos seis anos e aos nove entrou no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde cursou os graos elemental e profesional.

E a seguinte etapa chegou na forma do desexo que sempre quixo ver cumprido. «Quería ir á Escola Superior de Música Reina Sofía e formarme con profesores como Reinhold Frieddrich ou Manuel Bravo. E o soño fíxose realidade, levo tres cursos na mesma con eles e con outros grandes mestres e o primeiro ano fun escollida como a alumna máis sobresaínte da cátedra. De feito o diploma entregoumo a propia raíña Sofía», lembra. Tamén sinala que o percorrido non é doado: «Estamos traballando moi duro, porque a fin de contas te preparas para unha futura carreira profesional, e queda moito camiño por percorrer».

E mentres esa realidade chega o futuro inmediato pasa polos compromisos que veñen co novo ano. Alba Grcía forma parte da Jonde (Joven Orquesta Nacional de España) e coa mesma comezará en xaneiro unha xira de concertos. Tamén con esa formación participará nas citas do proxecto Zarza, unha iniciativa de zarzuela feita por mozos e dirixida a un público novo.

Ten claro a trompetista ourensá cal quere que sexa o seu futuro, e logo de recoñecer que hai grandes orquestras internacionais que poden ser unha interesante experiencia profesional —aínda que sexa de forma temporal— Alba García sinala as súas preferencias: «Aquí temos proxectos moi interesantes e de contrastado prestixio. A Orquesta Nacional de España, a Sinfónica de Galicia ou a de Euskadi serían unha opción marabillosa».

 A alternativa docente

Aínda que nunca valorou dedicarse á docencia admite que pode ser unha opción. «Estiven en setembro en Panamá con outros membros da Jonde impartindo clases a novos músicos. Foi unha experiencia sorprendente que me gustou un montón».

Unha traxectoria que suma becas e premios e un trío para o futuro

Alba García leva recibido un bo número de recoñecementos e apoios á súa carreira. No 2017 gañou o primeiro premio de trompeta Lucio Octavio Magio IX —de Astorga— e entre os anos 2020 e 2023 levou o segundo galardón do décimo primeiro Concurso Valeriano Machí Esparza (Valencia), o segundo na categoría solista e o primeiro en interpretación de música do Mestre Vide (Ourense), levou galardón no Concurso de Jóvenes Intérpretes Ciudad de Zamora e distincións no Internacional de Trompeta José María Ortí Soriano (Valencia). Tamén en Múnich. Ten colaborado con varias orquestras e forma parte da Jonde, Gustav Mahler Jungend Orchester e a Xove Orquestra Sinfónica de Galicia. Recibiu as becas da Jonde e Ferrer Salat.

A trompetista ourensá tamén participa no Trío Fanny Hensel. «É un proxecto que está en fase de creación. Somos tres amigos trompetistas e aínda estamos traballando no repertorio que imos ter para cando comecemos o noso percorrido. Por agora non fixemos ningún concerto, pero chegará o momento».

DNI. Traxectoria.

DNI. Alba García García naceu en Ourense no ano 2003. Estudou na Laboral e a música foi a súa paixón dende que era cativa.

Traxectoria. Comezou nunha escola da cidade aos 6 anos e logo fixo a súa carreira no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Na actualidade cursa os seus estudos na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid. Hai uns días ofrecía un concerto no paraninfo do IES Otero Pedrayo dentro do ciclo Centenario Telefónica.