![Alexandre Corbillón](https://img.lavdg.com/sc/7Wwae9uAhARPwI_3KIB-PrOElxM=/480x/2024/11/22/00121732278241594471219/Foto/ON23C10F9_132316.jpg)
O poeta de Celanova foi premiado no certame Xuventude Crea
12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Alexandre Corbillón é un home ocupado. Está rematando a carreira de Psicoloxía e, paralelamente, facendo o grao de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, Pero, a maiores, escribe. E moito. Aos seus 21 anos xa ten dous libros de poesía publicados. O primeiro, Cristal, autoeditouno no ano 2022. «Como tiña moita obra escrita, porque empecei de moi pequeno, pensei en reunila. A idea inicial era facelo nun caderno, pero os familiares e os amigos animáronme a publicar un libro para poder compartilo coa xente», lembra. Sacou douscentos exemplares e vendeunos. Era a primeira vez que percibía unha retribución polas súas creacións aínda que non o fixo, aclara, por sacar ganancia, senón para pagar o custo da publicación. «As tiradas pequenas non soen ser moi baratas e daquela eu non traballaba», comenta.
Tampouco foi o premio económico o que o animou a participar no Xuventude Crea. O certame que promove a Xunta de Galicia dende hai 15 anos para incentivar a faceta creativa entre a xente moza e dar visibilidade aos seus proxectos está dotado con dous mil euros. «Non veñen nunca mal pero a verdade é que non reparara demasiado neso. Presenteime por probar sorte e dar coñecer a miña poesía. O verdadeiro valor é o do recoñecemento que supón», di Alexandre.
O conxunto de cinco poemas, que bautizou como Anfisbena do Salitre, convenceu ao xurado que lle deu o primeiro premio. «A anfisbena é unha serpe mitolóxica de dúas cabezas e o que eu quería simbolizar era esas dúas forzas que hai nas enfermidades mentais e van en dúas direccións, como na depresión, na que por unha banda ti intentas avanzar e por outra parte algo turra de ti cara atrás», explica este mozo celanovés. Conta que elixiu estudar Psicoloxía porque precisamente sempre lle interesou «entender o como e por que obran as persoas». Pero tamén recoñece que lle gustaría exercer de mestre. «As dúas profesións me parecen atractivas; véxome tanto de profesor como de psicólogo», comenta.
Alexandre asegura que escribe dende que ten uso de razón. «Debín empezar aos seis aniños cun poema infantil», apunta. Lembra que o primeiro contacto coa poesía chegoulle case por casualidade. «Andaba xogando por unha zona da casa que lle chamamos a lavandería, e atopei un libro vello que era da miña avoa, de cando ela ía a escola. Era unha edición antiga de Follas Novas, de Rosalía. A partir de aí foime gustando cada vez máis e empecei a ler máis libros de poesía», conta.
Alexandre cita a Novoneyra coma un dos seus autores favoritos: «Sigo esa admiración pola paisaxe tan característica del». «Tamén me gustan os autores de aquí, de Celanova, como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín quen, por certo, acaboume facendo o limiar do meu segundo libro», comenta. Foi O segredo do trasno, publicado por Aira Editorial, que se presentou o pasado outubro. Escribiuno mentres aproveitaba a bolsa literaria que gañou nun certame convocado pola Deputación de Ourense.
Ese premio consistía en compartir un mes con outros creadores en Islandia. «Alí mudou tanto a miña concepción da poesía pola propia paisaxe que transformei o proxecto da obra que levaba por completo», lembra este mozo que se considera afortunado por ser dunha vila como Celanova. «Xa dende o colexio fan moi boa labor porque promoven bastante a literatura e aos autores da comarca. Ter a tantos escritores por metro cadrado fainos privilexiados, aínda que tamén supoña algo de presión porque quérelo facer ben para estar á altura», remata.